Luis Fernández Fernández, de 93 anos, vén de ser nomeado pregoeiro das festas patronais de San Xoán neste ano pola Comisión de Festas. Luis Fernández Fernández naceu en O Campo (San Xoán de Río) o 8 de marzo de 1931. Con 17 anos marchou a traballar a un taller mecánico en Freixido (Larouco). Ós 20 anos foi a facer o servizo militar ó “Regimiento de Infantería de Santiago de Compostela”, onde estivo de chófer de autocar dos oficiais, tal e como informa a comisión de festas.
Cando regresou, con 22 anos, comezou a traballar na famosa e xa desaparecida empresa de transporte de autobús, “EMPRESA TRIVES” no servizo de Río ó Alto de Cerdeira, naqueles tempos costaba o coche de liña 4 pesetas. Seguidamente pasou a facer o transporte escolar de Castro Caldelas e A Pobra de Trives, así como o servizo diario de liña de toda a comarca. Tamén facía as feiras de Castro Caldelas, e naquela época, sempre ía o coche de liña cheo de xente.
Despois de adicar toda a súa vida a traballar de chófer de autobús, xubilouse á idade de 65 anos, e dende entón adica a súa vida a traballar na súa horta, a dar o seu paseo diario e a darlle conversa a todos os veciños e veciñas de San Xoán de Río cos que se atopa.
Fotos cedidas.

