“Estamos ante un sector estratéxico, ante un sector creador de emprego e de riqueza, ante un sector que supón a grandes rasgos 2.400 empregos directos (o 25% deles femininos) e 10.000 indirectos, o que supón un 23% do PIB da comarca e un nivel de exportacións moi grandes na provincia de Ourense”. Así se refería ao sector da lousa o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, despois da xuntanza de traballo que mantiña esta mañá con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, entre eles o seu xerente Severino González, na sede desta entidade en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).
Ademais Luis Menor anunciaba que a Deputación de Ourense vai reforzar a cooperación institucional con este sector no relacionado coa súa visibilización, achegando o sector tanto dentro da provincia como fóra, e coa comercialización. “Dende a Deputación xa vimos colaborando dende sempre co sector, pero queremos dar un paso máis e iso pasa por que unha parte dese sector se achegue, cada vez máis á capital da provincia, e logo que se dea a coñecer como algo ourensán no resto de Galicia, no resto de España e no mundo. E iso con toda a entidade que debería ter como un dos sectores emblemáticos da provincia. E polo tanto esa promoción do produto, esa visibilización dun sector estratéxico é un dos obxectivos que compartiron con eles”.

Nese senso, unha das iniciativas que se pretende levar a cabo é a celebración do “Día da Lousa” co fin de “que se visualice a historia, o presente, toda esa realidade, pero ademais dun xeito non só práctico, senón tamén festivo, que a lousa sexa un produto que é moi bo economicamente pero que tamén é moi bo socialmente e é algo que temos que construír entre todos”, adiantaba o presidente da Deputación. Esta conmemoración aínda non ten data concretada, pero si está previsto que se desenvolva en Carballeda de Valdeorras, epicentro mundial do sector, e barállase que sexa despois do verán deste mesmo ano.
Á beira de Luis Menor, o xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, Severino González, agradecía o compromiso da Deputación co sector e a visita de Luis Menor a Valdeorras. “Estamos moi contentos de ter aquí ao presidente da Deputación. Expuxémoslle a problemática, pero a verdade é que el xa coñece todo o que é o sector da lousa e o que significa, o que representamos”, comentaba González.
Turismo industrial
Outra das cuestións que se abordaban na reunión, á que tamén asistían a vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa e a deputada delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González, era o impulso do turismo industrial e as súas potencialidades na comarca. Luis Menor explicaba que están traballando a Deputación e a Xunta xunto co propio sector empresarial, “para que sexa unha realidade e un valor engadido máis para Valdeorras”.
Neste proxecto de turismo industrial pioneiro en Galicia, no que se promoverán as visitas ás “explotacións da zona e ás paraxes que as rodean, darase ademais unha maior visibilidade a un sector clave na economía ourensá e galega. Esta iniciativa de posta en valor do potencial turístico das canteiras tamén contribúe a dar visibilidade ao traballo que realiza este sector a favor do desenvolvemento desta comarca”, así como para promocionar espazos onde se compatibiliza a industria extractiva co medio ambiente e paraxes sen parangón.
Esta xornada centrada no sector da lousa completouse, logo da reunión celebrada no Centro Tecnolóxico da Lousa, coa visita a unha fábrica de lousa e a unha canteira de extracción desta pedra natural.
Fotos: Carlos G. Hervella.