“Este é un exemplo de innovación, de sostibilidade, de modernidade e de como se resolve un problema e, á vez, se converte nunha oportunidade”. Así se refería o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, ao proxecto Ruagua, unha ferramenta de carácter demostrativo para impulsar a economía circular nos servizos integrais da auga, así como para garantir a dispoñibilidade de auga durante épocas de seca e reducir o “estrés hídrico” na contorna”. Declaracións que facía na visita que esta mañá realizaba á EDAR da Rúa, acompañado por alcaldes e concelleiros da comarca de Valdeorras, onde coñeceu da man dos técnicos os últimos avances logrados nesta infraestrutura.
“Estamos nunha estación de tratamento de augas, que resolve inicialmente un problema, que é o tratamento de augas, pero ademais aproveitamos esa auga rexenerada para outros usos, polo tanto sodes un exemplo en Valdeorras do que queremos facer na provincia”, comentaba Menor. A EDAR de A Rúa logra dar un salto de calidade ao transformarse nunha estación rexeneradora de auga, avanzando igualmente nos requerimentos normativos en materia de reutilización de augas depuradas.
Durante esta visita, os técnicos facían unha exposición do proxecto. Ruagua, do Consorcio de Augas de Valdeorras, o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e AquaOurense (empresa mixta formada pola Deputación de Ourense e Viaqua), é unha iniciativa demostrativa de produción sostible e cogobernanza de auga rexenerada e foi un dos tres proxectos gañadores, dos 162 presentados de toda España, que obtivo unha dotación de 300.000 euros do último Proxecto DEMOS de economía circular en comunidades rurais de menos de 5.000 habitantes.
O proxecto conta cun enfoque circular baseado en tres eixos: xeración de auga rexenerada, uso de enerxía solar como fonte renovable e produción de compost a partir das augas residuais xeradas no contorno da EDAR. No ámbito da auga, Ruagua implantará un enfoque integral, dixital e áxil para achegar o uso de auga rexenerada a todos os sectores produtivos e servizos públicos. Este proxecto promoverá o desperdicio cero e reducir tamén o uso de fertilizantes e químicos, ofrecendo un compost de alta calidade. Así mesmo, impulsará a produción de enerxía solar como fonte renovable, contribuíndo á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e ao combate do cambio climático.
Do mesmo xeito, Luis Menor interesouse polos avances do Perte da Auga en Valdeorras, unha iniciativa novidosa, financiada con fondos Next Generation, na que a Deputación decidiu apostar primeiramente polo oriente ourensán para iniciar a instalación de contadores intelixentes. O presidente provincial avanzou que xa se cumpriu coa instalación da metade dos servizos previstos, que chegarán a ser 9.000 en toda a comarca de Valdeorras.
Por outra banda, os técnicos de Ruagua explicaron os avances do programa, que busca garantir a dispoñibilidade de auga durante as épocas de seca e reducir o estrés hídrico na contorna de A Rúa.
Neste sentido, xa está rematada a instalación de placas solares e a instalación do sistema terciario de auga residual, así como o dispensador de auga.
Ademais, no marco do programa Ruagua, puxéronse en marcha numerosas actividades de cocreación coa cidadanía, para coñecer as súas necesidades e explicar os beneficios da iniciativa. Do mesmo xeito, Ruagua achegouse aos centros educativos, a través do impulso de hortas ecolóxicas nas escolas.
Entre os beneficios do programa encóntranse aspectos clave para a Deputación de Ourense como son a xestión da auga, enerxía renovable, agricultura sostible, a prevención de incendios e a mellora da calidade de vida dos cidadáns.
Por outra banda, o presidente da Deputación de Ourense tamén poñía en valor nesta visita o feito de que Valdeorras é a única comarca da provincia onde “o ciclo da auga está organizado administrativamente a través dun consorcio”.
Na súa visita, Menor referíase así mesmo ao desenvolvemento do proxecto “OU-intelixente” para aumentar a eficiencia dos servizos hidráulicos na provincia coa dixitalización dos mesmos, que tamén está comezando a desenvolverse na provincia por Valdeorras coa instalación de contadores intelixentes.

“Case 5.000 contadores intelixentes están montados na comarca, dos 9.000 que se van a poñer, é dicir preto do 50% dos contadores están instalados. Imos a velocidade de cruceiro, xa están contratadas dúas brigadas de traballo, co cal o desenvolvemento da instalación vai ser moito máis rápido”, comentaba Menor.
Do mesmo xeito, Luis Menor interesouse polos avances do Perte da Auga en Valdeorras, unha iniciativa novidosa, financiada con fondos Next Generation, na que a Deputación decidiu apostar primeiramente polo oriente ourensán para iniciar a instalación de contadores intelixentes. O presidente provincial avanzou que xa se cumpriu coa instalación da metade dos servizos previstos, que chegarán a ser 9.000 en toda a comarca de Valdeorras.
En conxunto, o presidente provincial concluía que para a Deputación de Ourense, que lidera estes proxectos vinculados á auga, “é un motivo de orgullo que Valdeorras estea á cabeza da xestión da auga, do tratamento da auga, do ciclo integral da auga e, sobre todo, diríalles aos cidadáns que esta solución é boa. Dende todos os puntos de vista, económico e medioambiental, Valdeorras é o primeiro lugar onde chegan estas melloras, unha dinámica e traballadora”.
Fotos e vídeos O SIL.
