ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

Luis Paadín: “As garnachas tintureiras de Valdeorras co botelo son unha harmonía de deuses”

Este sumiller coruñés, vinculado á comarca dende hai máis de 3 décadas, poñía en valor a sua viticultura, cunha especial referencia á godello, e a súa gastronomía

 

Ás orixes do botelo remontábase o sumiller Luis Paadín no pregón co que se abría no mediodía deste 17 de xaneiro a XXIV Festa do Botelo do Barco. “Podemos falar duns 2.000 anos de historia, dos romanos, tendo en conta o tipo de embutido”, dicía. E, dun xeito poético e fabulador, poñía en relación este manxar de porco coas antigas garnachas tintureiras de Valdeorras, nunha maridaxe perfecta que, hoxe, pode seguir desfrutándose. “Estou seguro de que hai máis dun século a xente que vivía aquí dixo, a mencía está ben… pero fáltalle algo para o botelo, e aí nacen esas garnachas tintureiras con ese botelo que iso si que é unha harmonía de deuses”.

 

 

Este viño tinto descubríao décadas atrás, cando visitaba Valdeorras e cando celebraba catas para a Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia. “Había uns viños que, aínda que fora un ano malo ou bo, sempre estaban perfectos, excelentes, eran viños tintos ademais. Pero tamén eran moi baratos con moita cor e capa, que puntuabamos polas nubes. A min encantábanme. Ao principio había moi pouquiños, primeiro 4, logo 9, logo 13… e dixen, o que temos aquí é unha marabilla. Porque Galicia non ten viñas vellas, senón cepas vellas, as viñas máis vellas de toda Galicia están aquí, as pouquiñas que quedan”.

 

 

 

A partir de aí, contactaba co Periódico O SIL e, coa colaboración do Consello Regulador da D.O. Valdeorras e cun experto e prestixios panel de cata, organizábase en xaneiro de 2015 a I Cata de Garnachas Tintureiras Centenarias de Galicia. “Fixémola e, automaticamente aqueles viños pasaron de valer 7 euros a 17 euros. Isto foi así, por iso é bo saber onde nos movemos, pero por riba de todo, poñendo en valor os produtos”.

 

 

Era precisamente a través do viño Luis Paadín ía fraguando a súa estreita e antiga vinculación con Valdeorras, que se iniciaba cando, hai máis de tres décadas, abría a primeira viñoteca da Coruña, a súa cidada natal, apostando xa por ter godello de Valdeorras. “É a variedade que mellor expresa un territorio e daquela só existía en Valdeorras”.

E por iso hoxe séntese valdeorrés. E nese evoluír do vínculo coa comarca poñía en valor a traxectoria da uva godello e dos seus viños, con referencias a figuras clave como a de Horacio Fernández Presas, e tamén incidía en que son os propios valdeorreses os que teñen que falar e poñer en valor os seus viños, “sempre na procura da excelencia”. Paadín aludía ao bo momento que vive este branco, “o godello valdeorrés é absolutamente imbatible, o mundo enteiro réndese ante el”.

 

 

Luis Paadín recoñecía que “vivimos tempos malos no mundo do viño e que se van poñer peor”, ao mesmo tempo que reafirmaba a súa aposta polo branco. E volvía facer fincapé na riqueza da gastronomía e viticultura valdeoresa. “Non hai un patrimonio escrito de miles de anos como tedes aquí, tedes 1.300 prazas para comer botelo e beber nun ratiño, impresionante. Sodes a aldea dos galaicos, o que imos facer dentro dun rato, esa comunión dese bandullo coas carnes de todos os porcos, con todos os viños que temos na comarca é do que nos temos que sentir orgullosos e que non nos treman as pernas. Hai que beber viño e comer botelo. E de ben nacidos comer botelo e non cocido”.

 

 

E remataba escenificando unha oda simbólica á esa enogastronomía: cunha botella de viño tinto valdeorrés e un botelo, que acaba bicando.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.

 

Back to top button