Chandrexa de QueixaConcellosÚltima hora

Luisa Piñeiro visita as actuacións de restauración hidrolóxica de zonas afectadas polo lume en Chandrexa

 

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou esta tarde o concello de Chandrexa de Queixa para ver as actuacións de restauración nas zonas afectadas polo incendio forestal do pasado verán. O obxectivo principal dos traballos é restaurar a cuberta arbórea co fin de favorecer a biodiversidade e protexer o solo fronte á erosión; o que redunda tamén nunha maior regulación do ciclo hidrolóxico. Ao tempo, estes labores funcionan como un sumidoiro de carbono e melloran a contorna paisaxística.

Así, nesta zona están a realizarse traballos de mellora de infraestruturas viarias mediante a restauración da capa de rodadura e a rede de drenaxe. Con estes labores procúrase evitar o aumento das deterioracións producidas por este incendio, o que contribuirá a facilitar o acceso para outro tipo de labores.

No eido da restauración hidrolóxica están aplicándose medidas para estabilizar o chan e favorecer a infiltración, limitar a escorrentía e reducir a chegada de sedimentos ao leito dos ríos. Naquelas áreas onde non foi preciso realizar mulching optouse por executar rozas manuais de matogueira queimada para deixala abatida no chan.

 

 

Luisa Piñeiro sinalou que, en relación coa mellora de hábitats, na actualidade se están a seleccionar brotes rexenerados de frondosas para realizar a sementeira de herbáceas e recuperar así os pasteiros. Deste xeito, o investimento previsto para realizar estas actuacións no municipio de Chandrexa de Queixa é de preto de 300.000 euros.

Cabe sinalar que estes traballos están a levarse a cabo ao abeiro da colaboración da Xunta de Galicia co Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miteco) para impulsar actuacións de restauración hidrolóxico-forestal por importe de 9,5 millóns de euros.

No marco desta iniciativa tramitáronse 13 expedientes nas zonas afectadas polos incendios de Larouco, Oímbra, Chandrexa de Queixa, A Mezquita e Carballeda de Valdeorras, cuxas actuacións foron determinadas polos técnicos da Consellería do Medio Rural tras identificar o Ministerio as zonas dos incendios onde intervir, segundo Medio Rural.

Todas as actuacións executadas teñen como finalidade principal a estabilización e protección do solo fronte a procesos erosivos, a corrección hidrolóxica en zonas de forte pendente, a restauración de infraestruturas forestais danadas, así como a recuperación da cuberta vexetal en áreas prioritarias.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button