CulturaCulturaÚltima hora

Luns cine en Tailandia, martes en Romanía e mércores en Finlandia co Cineclube Padre Feijóo

Arranca unha nova semana para os cinéfilos ourensáns no Cineclube Padre Feijóo. Para esta semana propoñen un “Luns de Filmoteca”  cunha viaxe onírica até a exotica Tailandia co filme “Cementery of Splendour”, do director Apichatpong Weerasethakul. Este director volve ao seu pobo natal, Khon Kaen, onde narra unha historia con fortes doses de costumbrismo e realismo e cun enfoque contemplativo.

“Cementery of Splendour” ten como protagonista a unha enfermeira voluntaria que chega a un improvisado hospital de campaña, onde un grupo de soldados sofre unha estrana enfermidade que produce soño. Todo isto xerará unha situación que mesturará o natural, o espiritual e o artificial nese pequeno recuncho da selva onde conviven animais, humanos e deusas.

Os dous pases, ás 20:30 e ás 23:00, serán na Biblioteca Pública de Ourense e o custo da entrada será de 2 euros para os socios e de 2,5 euros para o público xeral.

O martes, 4 de abril, hai unha cita co cinema sanitario, xa que abren unha nova sección do terceiro Ciclo de Cine e Medicina do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, co filme “A morte do Sr. Lazarescu”, de Cristi Puiu.

Premiada na Sección “Una cierta Mirada” do Festival de Cannes 2005, a cinta é un claro exemplo de naturalismo militante ao que o actual cine romaní está afeito. No argumento hai doses de hiperrealismo e ten unha montaxe de inspiración documental. O protagonista é o solitario Sr. Remus Dante Lazarescu, que con 62 anos é evacuado polos seus veciños ao sentirse doente, unha noite na que os hospitais de Bucarest, excedidos polas urxencias e a burocracia, parecen non querer atendelo.

O pase será dunha única sesión, ás 19:30 horas, na Biblioteca Pública de Ourense. A entrada ten un prezo de 4 euros e o abonamento a este ciclo custa 2o euros as seis películas.

A axenda cinéfila complétase o 5 de abril, mércores, co filme finlandés “O día máis feliz na vida de Olli Mäki”, do director Juho Kousmamen, gañador da sección “Una cierta Mirada” do Festival de Cannes 2016. Unha historia con trasfondo de boxeo, cunha apariencia clásica, e cunha fotografía en branco e negro. No argumento o que prima é o proceso de namoramento dunha parella que loita por non verse devorados polo proceso caótico de euforia nacional na preparación para o campionato mundial dos pesos pluma.

A película pasarase ás 18:00, 20:30 e 23:00 na Biblioteca Pública de Ourense e a entrada ten un custo de 4 euros para asociados e 5 para o público xeral.

Artigos relacionados

Back to top button