Na noite do domingo 4 de outubro o Festival Ou Yeah! apagaba as luces da súa segunda edición coa satisfacción de quen ve un soño cumprido, “a demostración de que Ourense ten a capacidade, o talento e a enerxía para acoller un modelo cultural distinto, descentralizado e de alta calidade”.
A xornada final tiña lugar no Pazo dos Deportes Paco Paz, nunha noite cargada de simbolismo co agardado regreso de Luz Casal á capital ourensá despois de sete anos. A artista galega “combinou elegancia, forza rockeira e intensidade emocional ao presentar o seu traballo máis libre, Me voy a permitir, xunto aos grandes himnos da súa traxectoria”, aseguran dende a organización, explicando que a noite abriuse coa proposta xenuína e underground do cantautor vigués Castillo e completouse, como no resto do ciclo, coas creacións gastronómicas deseñadas para a ocasión polos chefs de Cociña Ourense na Zona Gastronómica Grupo Cuevas.
Con esta cita, o Ou Yeah! pecha un itinerario que reuniu a case 5.000 persoas ao longo das tres citas da segunda edición, que comezou o 6 de xuño en Expourense cunha multitudinaria xornada con Loquillo, The
Rapants e os británicos Kitty, Daisy & Lewis e que tivo a súa segunda parada o 31 de xullo no Carballiño, onde Burning fixo tremer a Praza da Veracruz celebrando 50 anos de historia cun concerto no corazón da vila.

Afastado dos formatos convencionais, o Ou Yeah! naceu co propósito de medrar e integrarse no tecido da provincia. “O festival entende a provincia de Ourense como un ecosistema cultural vivo, onde a música actúa como fío condutor para vertebrar o territorio, conectar municipios e dinamizar o patrimonio local”, din dende a organización que, despois deste percorrido, mira atrás cunha mestura de aprendizaxe e emoción ao ver como a intuición inicial se converteu nunha realidade palpable.
“O percorrido ata o de agora confírmanos que a idea que tiñamos era totalmente viable. Pero o máis bonito é que o Ou Yeah! nos está ensinando o camiño a nós mesmos: imos aprendendo coa experiencia do día a día. Iso é o mellor, porque demostra que a idea orixinal era boa, que ten forza propia e que, traballándoa con mimo, ela mesma vai abrindo o seu paso”, destaca Jose Freiría, desde a organización do festival.
Fotos e vídeo: Zinemusik.
