EconomíaEconomíaÚltima hora

Luz verde para o plan de lecer nocturno de Galicia

Os establecementos do sector poderanse acoller a dous niveis, segundo o número de medidas e boas prácticas que apliquen

Publicidade

 

O Comité Clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de dar o visto bo ao Plan de lecer nocturno de Galicia, elaborado conxuntamente pola Xunta e os representantes do sector.

Deste xeito, e á espera de que Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratifique as medidas que contempla o protocolo, os locais de lecer nocturno poderanse adherir a dous niveis, segundo o seu nivel de compromiso na aplicación de medidas sanitarias adicionais, e en función das boas prácticas que leven a cabo.

Do mesmo xeito que o protocolo recentemente aprobado para o sector da hostalaría, este novo Plan para o lecer nocturno pretende crear un marco de estabilidade para o sector, establecendo niveis de compromiso independentes da situación epidemiolóxica de cada concello.

Así, no nivel 1 de compromiso -unha cunchiña-, establecerase o 50% de aforo no interior dos locais e o 75% no seu exterior. Neste nivel básico, o horario límite de peche ao público será ás 3 horas da madrugada e o persoal traballador deberá realizar un curso formativo de dúas horas de duración.

No nivel 2 de compromiso de respecto das medidas covid -dúas cunchiñas-, fíxase unha capacidade máxima do 75% de aforo no interior dos locais e do 100% nas súas terrazas. Así mesmo, para acceder aos locais deberase presentar a certificación de vacinación covid completa, certificados de proba negativa recente ou ter superado a enfermidade. O horario límite de peche ao público será ás 4 horas da madrugada e, en materia de formación, o persoal deberá realizar un curso de catro horas de duración.

O novo Plan de Lecer nocturno de Galicia, tamén contempla un terceiro nivel extraordinario de medidas, que estaría vencellado a unha eventual gravidade da situación epidemolóxica e da ocupación asistencial dos centros sanitarios galegos. Este nivel só sería aplicable en caso de decidilo as autoridades sanitarias. De selo caso, os establecementos só poderían ter un aforo do 50% nas terrazas, sempre cos clientes sentados nas mesas. O horario de peche sería á 1 da madrugada.

En todos estes niveis, deberanse cumprir o conxunto de medidas hixiénico-sanitarias establecidas con carácter xeral, e entre as que se atopan: o uso obrigatorio da máscara, gardar a distancia de seguridade, garantir a limpeza e desifección periódica do local e do seu equipamento, así como a renovación do aire e o control dos niveis de CO2. O cumprimento das medidas do novo Plan de Lecer Nocturno de Galicia serán supervisadas polos inspectores da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Artigos relacionados

Back to top button