DeportesEn portadaÚltima horaVídeos

Máis de 150 ciclistas retan á chuvia na V BTT Ruta do Viño de Valdeorras polo concello de Rubiá

 

Con chuvia, vento e os primeiros quilómetros neutralizados, arrincaba na mañá deste domingo 19 de outubro a V BTT Ruta do Viño de Valdeorras.

 

 

Facíao pasadas as 9:30 horas na praza da Baicela onde, máis de 150 participantes de diferentes partes de Galicia agardaban o corte de cinta por parte das autoridades presentes, tras un café ben quentiño. Baixo a persistente chuvia, tan agardada durante meses, a vicepresidenta da Ruta do Viño, Montserrat Rodríguez, o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, a delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María Carmen González e o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, dábanlles a benvida e as grazas por asistir mali o desapacible da mañá, asegurando que esta é unha bonita iniciativa de promoción, que mestura deporte, turismo, natureza e viño.

 

 

A partir de aí, coa presenza na primeira liña do exciclista profesional Ezequiel Mosquera, comezaba a ruta, percorrendo a estrada central da vila para coller rumbo ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra onde, tal como dixo o alcalde “desfrutaremos desta pequena xoia que temos en Valdeorras onde veremos a recuperación dun tramo da Vía Nova, algunhas das súas sendas e miradores e visitaremos algúns dos pobos máis pintorescos como Covas ou Vilardesilva. Aínda que está chovendo, vai ser un día extraordinario para desfrutar deste parque”.

 

 

A marcha cicloturística consta de dous percorridos, un de 45 quilómetros e outro de 37, con avituallamentos en varios puntos. Este ano quen queira acompañar sen subirse na bicicleta terá unha actividade gratuíta para acompañantes cunha ruta entre viñedos e cata de 4 viños de Rubiá, unha experiencia extrasensorial previa inscrición.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Máis información e fotos:

Os participantes na V BTT Ruta do Viño de Valdeorras percorren baixo a chuvia a Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)

Back to top button