Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Máis de 200 persoas inscritas na I Carreira Popular do Pulpo que se celebrará o 19 de xullo no Carballiño

 

O Concello do Carballiño amplía a programación da Festa do Pulpo e impulsa a I Carreira Popular do Pulpo, unha proposta de deporte e lecer que nace coa vontade de converterse noutra cita ineludible do verán. A proba, na que xa hai máis de 200 persoas inscritas, levarase a cabo este sábado 19 de xullo e conta cunha categoría infantil (para nenos menores de 12 anos) de 2 quilómetros e unha para adultos de 10. O circuíto comeza nun entorno emblemático como é a Praza da Veracruz e continúa polas principais rúas do Carballiño ata o Parque Municipal.

“É unha carreira popular, queremos que sexa unha xornada de lecer e deporte, que a xente o pase ben”, sinala José Castro, alcalde en funcións e concelleiro de Deporte. De feito, aínda que a poboación pode inscribirse de xeito gratuíto a través da páxina web sportmaniacs, da APP do Concello do Carballiño ou da APP de Saudeter Live, a proba está aberta a todas as persoas que o sábado se acheguen á Veracruz. “Aínda que a xente non teña dorsal, pode vir e correr con nós, o que queremos é que a xente desfrute”, detalla Castro.

O alcalde en funcións agradece a colaboración das forzas e corpos de seguridade, así como do ximnasio Korpore. “O propósito desta carreira é que se consolide e se poida facer todos os anos nestas datas para xuntar o deporte coa gastronomía”, explica Rebeca Amil, de Korpore.

A proba realizarase na tardiña do sábado: ás 20 horas comeza a carreira infantil e ás 20:30 horas, a de adultos. Haberá música, ademais de regalos e sorpresas para as persoas participantes.

 

Back to top button