Máis de 300 efectivos galegos dos servizos de emerxencias, coordinados dende a Xunta, téñense desprazado á Comunidade Valenciana para colaborar tras a DANA do pasado 29 de outubro. Parte deles reuníanse esta mañá co presidente do goberno galego, Alfonso Rueda, que estaba acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, expresba o seu agradecemento e recoñecemento a todos os que se desprazaron desde distintos puntos da comunidade.
Neste sentido, eloxiou o compromiso, “a solidariedade e eficacia” que amosaron nas localidades onde foron requiridos como Paiporta, Picanya, Massanassa e Alfafar para participar en tarefas de busca de vítimas, achique de auga en baixos e sotos, retirada de vehículos, cepillado de rúas e eliminación de barro e escombros, entre outras accións fundamentais para a recuperación das zonas afectadas.
Rueda quixo facer unha mención especial a todos os profesionais e voluntarios que colaboraron nesta resposta de emerxencia. En concreto, aos 82 membros e voluntarios de Protección Civil; os 116 bombeiros municipais e dos consorcios provinciais, xunto cos de Navantia; os 80 efectivos de Medio Rural; preto dunha vintena de integrantes dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal), entre o de Valdeorras; así como aos membros da Policía Autonómica, persoal do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) e de emerxencias, e os de Casaga (Cans de Salvamento de Galicia) e da Asociación de Intervención, Axuda e Emerxencias (IAE). Así mesmo, tamén agradeceu á tripulación do helicóptero Pesca 1 que viaxou ao día seguinte da catástrofe para axudar á busca de desaparecidos desde o aire.
O presidente concluía comprometendo o apoio da Xunta no proceso de recuperación e rehabilitación das zonas afectadas que quede agora por diante, asegurando que Galicia seguirá dispoñible para calquera nova colaboración que precise a Comunidade Valenciana.