OurenseÚltima hora

Máis de 500 soldados da Guardia Real fixarán a súa base na provincia

Exposicións, unha parada militar, exhibicións, concertos e as manobras serán a tónica xeral desta unidade entre os días 17 ao 21 de maio
Gustavo Doncel, Jesús Vázquez, Eduardo Diz e Rosendo Fernández. // Foto: Carlos Asensio.

Ourense foi a provincia elixida este ano pola Guardia Real para facer manobras e exhibicións “para dar a coñecer o seu traballo”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación de hoxe, 2 de maio, no Salón de Plenos do Concello. Vázquez salientou que esta é a primeira vez “en 500 anos de historia desta unidade” que visitan Ourense e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, salientou que esta unidade é un claro exemplo de mistura de “tradición e modernidade”

Tanto o rexedor municipal como o subdelegado de Defensa en Ourense, Gustavo Doncel, resaltaron a magnitude deste evento: “dende o ano 1978 non hai ningunha unidade en Ourense pola reestruturación, polo que este é un momento idóneo para que a xente vexa ás súas Forzas Armadas”, dixo Doncel.

Máis de 500 militares, dun total de 1.500 que integran esta unidade ao servizo da S.M. O Rei, establecerán a súa base en diferentes localidades da provincia a partires do 17 de maio até o día 21. Segundo explicou o Coronel da Guardia Real, Eduardo Diz Monge, a Guardia Real está integrada pola Unidade do Grupo de Escoltas, “que como o seu propio nome indica dedícanse a escoltar ao Xefe de Estado e aos seus homólogos estranxeiros nas súas visitas a España, á familia Real e a protexer os edificios onde está a Súa Maxestade O Rei”, explicou. A unidade da Agrupación de Apoio e o Grupo de Honores.

Dende o 13 até o 21 de maio , o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acollerá a exposición “La Guardia Real, 500 años de historia”. Pero isto non será o único, xa que os integrantes da Guardia Real, ademais de pór en práctica un programa de instrución e adestramento, “quere compartir coas xentes de Ourense algunhas das destrezas que forman parte da súa rutina diaria”, dixo Eduardo Diz.

Entre esas actividades haberá un Pasarrúas de Movementos Floreados, dende o Parque de San Lázaro, pasando pola Rúa do Paseo, até a Catedral. Segundo reza o programa, esta actividade será o 20 de maio ás 13:00 horas. Pero antes, ás 11:30 horas, realizarán unha ofrenda a San Martiño, patrón de Ourense, na Catedral, ao que lle seguirá a celebración dunha misa na que participará un cuarteto musical da Unidade musical. Para rematar a xornada, ás 19:30 horas, esa Unidade de Música ofrecerá un concerto no Auditorio -con entrada libre- no que tamén participará a Escola provincial da Real Banda de Gaitas de Ourense.

Ao día seguinte, 21 de maio, terá lugar a Parada Militar. A partir das 12:00 horas na Rúa do Progreso. Ademais, os ourensáns que desexen, até chegar a un número de 200, “poderán realizar o xuramento á Bandeira de España”. Nesta parada militar, tamén participarán unha compañía da Brigada “Galicia” VII, coñecida como a BRILAT. Cando remate, as unidades militares participarán nun desfile que irá pola mesma rúa do Progreso que porá fin aos actos da Guardia Real.

Concellos

Pero Ourense non será a única localidade na que a Guardia Real fará exhibicións. Como os diferentes corpos establecerán a súa base en diversas localidades da provincia, aproveitarán para amosarlle aos cidadáns o seu traballo. Por exemplo, o 18 de maio ás 18:00 horas, Xinzo de Limia acollerá un exercicio de escolta da Sección de motos, Guías caninos, Caballería e Artillería. Ese mesmo día a esa mesma hora, no Carballiño, haberá un pasarrúas de movementos floreados e unha Sección de motos.

Ao día seguinte, 19 de maio, Ribadavia acollerá un exercicio de Escolta da Caballería e Artillería ás 20:00 horas. En Celanova farán outro exercicio de escolta, ás 18:00 horas, os Guías Caninos e a Caballería e no Barco de Valdeorras farán un Pasarrúas de movementos floreados, Caballería e a Sección de motos, ás 18:00. Finalmente, o 20 de maio ás 11:00 horas, Verín acollerá ese exercicio de escolta da Sección de Motos, guías caninos, Caballería e Artillería.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button