ConcellosÚltima hora

Máis de 73.000 euros en traballos preventivos en montes de Carballeda de Valdeorras, Trives e A Veiga

Estas actuacións enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural

Publicidade

 

No distrito forestal XIII Valdeorras-Trives, concretamente en montes dos concellos de Carballeda de Valdeorras, A Pobra de Trives e A Veiga, a Consellería do Medio Rural vén de realizar diversas obra preventivas por un importe de máis de 73.000 euros. Precisamente, moitas destas actuacións localizáronse en zonas de alto risco de incendios preventivos, minimizando así a posibilidade de lumes nesas áreas.

Así, as actuacións que se levaron a cabo nas parroquias de Sobradelo (concello de Carballeda de Valdeorras) e de Somoza (concello da Pobra de Trives) consistiron na mellora de pistas existentes, incluíndo a colocación de pasos de auga naqueles lugares onde foron necesarios, e a creación de novas vías de comunicación ao monte, co fin de facilitar o acceso do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais en caso de ser necesario.

Tamén se realizaron traballos de apertura e mellora de cortalumes, coa finalidade de interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e, así, protexer os principais valores naturais existentes nela.

No concello da Veiga, os traballos preventivos centráronse no monte Cobo e Lombo, na parroquia de Prada, e consistiron na adecuación de pistas forestais. Así, procedeuse á apertura de pistas con colocación de pasos de auga e eliminación de fochancas.

Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural.

Artigos relacionados

Back to top button