CulturaCulturaMúsicaOurenseÚltima hora

Manu Chao e Muchachito, cabezas de cartel do Reperkusión 2014

Tres días de festicultura, do 11 ao 13 de xullo en Bemposta (Ourense)
Presentación do Festival Reperkusión en Ourense.
Presentación do Festival Reperkusión en Ourense.

A fin de semana do 11 ao 13 de xullo, a Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) encherase de música, circo e actividades na 12ª edición do Festival Reperkusión que xa está en marcha. “Serán” en palabras de Xurxo Seara, un dos organizadores “tres días e tres noites de festicultura, preto de 60 horas de programación para tódolos públicos, practicamente sen interrupción dende o venres ás 19h. ata a madrugada do domingo para o luns ás 5h. Tódalas actividades de día son gratuítas, só son de pago os concertos de noite do venres e o sábado que terán lugar no escenario principal. As entradas anticipadas custan 15€ para un día e 25€ toda a fin de semana. Na billeteira custarán 20€ e 30€, respectivamente 5 euros máis con camping.

O propio Seara define o festival como “un evento multidisciplinar”, que busca “a orixinalidade en tódolos estilos que acolle baixo o paraugas da mestizaxe cultural”. No Reperkusión súmanse música, circo, humor, formación, compromiso… “e por riba de todo bo ambiente e moita festa para todos os públicos”.

Con respecto aos concertos que se celebrarán no escenario principal, encabezan o cartel Mucachito y sus compadres que actuarán o venres a partires das 00:00h, e Manu Chao La Ventura, que actuará o sábado a partires das 00:30h.

Completan o cartel outros 24 grupos de música e artistas de circo e teatro chegados dos lugares máis diversos, como os berlineses Dirty Honkers ou os checos N.O.H.A., os franceses Kimbala ou o portugués Daniel Lança coa Barcelona Street Orkestra. Tamén os canarios Kuarembó, os vallisoletanos Curioso Periplo, os portugueses Crassh e os africanos Djolé Djembé Booma. A presenza galega será como sempre numerosa, variada e de calidade: Terbutalina, Cuchufellos, The Turre’s band, La Banda de Andrelo, Los Bichis, Colectivo Bomba, Funkombo e Hadri Hache, no musical e 8mm Teatro, Supergalácticos e os incríbles números circenses de Troupe Sky, no escénico.

Unha das novidades que o Reperkusión ten preparada para a edición deste ano é a Empolada, “a actividade máis salvaxe, lúdica e participativa da historia do festival”, en palabras do seu director, Emilio Oro. A cita é o sábado 12 de xullo pola tardiña e o Polo de Cerimonias será O Leo i Arremecághona, a organización convida a “tódalas persoas con ganas de divertirse, de refrescarse, de pasalo ben e de converterse en polos por un día a participar na primeira Empolada”, para o que contarán con 10.000 globos de auga, 500 quilos de fariña e confeti de plumas.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button