ConcellosManzanedaÚltima hora

Manzaneda aposta por elaborar un plan director para o seu casco histórico medieval, declarado BIC

Así llo transmitía o seu alcalde ao subdelegado do Goberno en Ourense, que visitaba este concello

 

Ata Manzaneda desprazábase esta mañá de 18 de outubro o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, para coñecer da man do seu rexedor, Amable Fernández, e dos edís Antonio Núñez e Marina Luís, a situación actual do municipio, percorrer parte dos seus recursos naturais máis destacados e ver o estado de proxectos levados a cabo nos últimos tempos con fondos do Goberno central.

Un dos temas tocados era a achega de financiación estatal para a implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética en alumeado público, levadas a cabo en diversas poboacións do concello, cun investimento total de 389.229.78 euros, a cargo do IDAE, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Así mesmo, abordábase a aplicación en Manzaneda durante o 2023 da segunda edición do programa INECO RuralTIC, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, dirixido a nómades dixitais desprazados ao municipio para teletraballar ao tempo que realizaron talleres, formación e asesoramentos en dixitalización. O alcalde fixo unha gran valoración deste programa, xa que os participantes aínda manteñen a súa colaboración co Concello para a formación de novos usuarios. A terceira edición deste proxecto, que vén de pechar o prazo de inscrición, porase en marchar nas vindeiras datas.

 

 

Ademais, Eladio Santos interesouse polo proceso de instalación da banda ancha nos distintos núcleos poboacionais de Manzaneda nos últimos anos, dentro do Programa UNICO-Banda Ancha do Ministerio Economía, Comercio e Empresa; pola adxudicación de 1.573,031 euros ao municipio dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero; e pola inclusión de Manzaneda no Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, posto en marcha coa colaboración da Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

 

 

Pola súa banda, o rexedor municipal agradecía a visita e destacaba, entre as cuestións analizadas, a relativa á cobertura de fibra, “isto leva uns procesos, de feito agora quedou en enviarme o planing de como vai chegar ás diferentes aldeas de Manzaneda para poder explicarlle como vai ser á veciñanza, mentres tanto gran parte da xente sabemos que nos podemos conectar por satélite co plan 25. Tamén fixemos unha visita pola vila medieval porque nos interesa poder conseguir un plan director sobre o BIC da vila medieval para que as actuacións sexan máis áxiles. A ver se podemos conseguir unha pequena financiación por parte do Ministerio para poder lograr ese plan”.

 

 

Neste senso o subdelegado apuntaba que  “aínda que o estado de conservación do mesmo é moi bo, hai vivendas que precisan unha restauración”. Por iso, dende o Concello solicitan un plan específico co fin de axilizar a recuperación das edificacións degradadas, xa que Manzaneda atópase incluído no plan global dos cascos históricos declarados BIC.

Día Internacional do Patrimonio Cultural

 

 

Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Patrimonio Cultural, o subdelegado aproveitou a visita para achegarse ata o Castiñeiro de Pumbariños, declarado Monumento Natural de Galicia. Xunto ao el, destacou toda a riqueza patrimonial e gastronómica da zona. “Manzaneda conta con numerosos recursos naturais e patrimoniais que evidencian o seu potencial turístico, como son este castiñeiro milenario, o Souto de Rozavales, a ruta de sendeirismo de montaña do Val Glaciar de Prada e outra na zona do Sequeiros, así como a propia Estación de Montaña. Sen esquecer o reclamo que supón o seu tradicional Entroido, a súa industria de embutidos e a súa produción de viños, enmarcados na DO Ribeira Sacra, e de mel”, dixo.

Fotos: O SIL.

 

 

Back to top button