DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Manzaneda, meta dos 426 km que realizaba o ciclista Azael González en case 20 horas

Neste reto persoal apostaba por unir nunha soa etapa a localidade de orixe do seu pai, Cabezón de la Sal (Cantabria) coa da súa nai, Manzaneda

 

Subíase na bicicleta en Cabezón de la Sal ás 00h. do 26 de agosto. Por diante, os 426 km (con case 5.000 m positivos de desnivel) que separan esta localidade cántabra de Manzaneda. Un traxecto moi duro, marcado polas baixas temperaturas (de apenas 7 graos en terras castelás) e a fría humidade da néboa, que culminaba ás 20h. do 26 de agosto en Manzaneda, onde era recibido de xeito moi especial pola súa familia. “En ningún momento se me pasou pola cabeza abandonar, pero si recoñezo que tiven medo a fracasar, a fallarlle á xente que confiaba en min e a que todo o duro ano de adestramento no servise para nada”, confesa tras cumprir o deportista Azael González Estévez, tras ver cumprido este reto persoal.

Son xa dous anos os que leva dedicándose ao ciclismo de ultrafondo e no 2020 realizaba, nunha única etapa, o percorrido de Cabezón de la Sal a Burgos e o camiño de volta: un total de 320 km. “Foi un reto solidario no que recaudamos máis de 1.000 euros e máis dun cento de quilos de comida, que foron doados ao banco de alimentos do meu pobo”, conta. Despois desta positiva experiencia, o pasado 18 de xaneiro decidía acometer un novo proxecto deportivo moi especial. “Quería facer unha etapa que unise á miña familia: saíndo de Cabezón de la Sal, de onde é o meu pai, e chegando a Manzaneda, onde naceu a miña nai. Levo todo o ano preparando esta etapa”, explica González Estévez.

 

Azael González abrazando á súa muller tras chegar a Manzaneda./ Cedida.

 

Ademais dos adestramentos, o ciclista quería que o proxecto tivese, novamente un cariz solidario, pero non foi posible, “só encontramos trabas e paredes. As asociacións ás que queríamos doarlle o diñeiro non podían recibir fondos porque poderían perder as axudas que xa reciben do goberno de Cantabria”, lamenta. Por outra banda, tamén estaba preparando un proxecto para amosar en directo o desenvolvemento deste reto contando cun equipo de televisión, sen embargo, non conseguiron o apoio económico necesario por parte da administración cántabra. “A pesar disto, prometérame a min mesmo que o ía facer, xa era un reto persoal, e decidín tirar para adiante. Teríame gustado que fose solidario tamén, pero non foi posible”.

Esta aventura deportiva comezaba na madrugada do 26 de agosto, ás 00h. e 20 horas despois (17 delas de bicicleta) chegaba a Manzaneda. O percorrido completo fíxoo so, pero durante a noite pedaleaba xunto ao seu compañeiro de adestramentos Antonio Arce Ruiz ata aproximadamente ás 8h., cando comezaba a amencer. Precisamente a noite foi un dos momentos máis difíciles.

“Sabiamos que a noite ía ser moi dura porque saimos de Cabezón, que está a uns 130 m sobre o nivel de mar, e en dúas horas estabamos a máis de 1.200 m entón a temperatura baixou a unha máxima de 7 graos, e en toda a zona de Castela a verdade é que pasamos moitísimo frío. Había correntes de aire moi frío, mollámonos porque atopamos tramos con bastante néboa… Metiáseche o frío no corpo e iso custou bastante. Logo, unha vez que amenceu, que máis ou menos estaba a uns 30 km de León, aí xa subiu a temperatura a uns 14-16 graos e puiden poñerme roupa de verán, acomodarme un pouquiño máis á bici, e rodar mellor, con máis facilidade”, relata Azael González.

 

 

Xa moi preto da meta chegaba outro dos momentos máis complicados. “Ao final váiseche acumulando o cansazo, as horas e os km e, a falta de 20 km de chegar a Manzaneda, deume un baixón bastante forte e tiven que parar a descansar uns 20 minutos. Recuperei un pouquiño forzas para facer ese derradeiro tramo, no que en 20 km acumulas como 800 m de desnivel positivo que xa con 400 km nas pernas pásanche factura”, engade. De novo recuperaba ao seu compañeiro e, xunto a el, chegaba á meta, na vila de Manzaneda, onde lle agardaba un emotivo e festivo recibimento por parte da súa familia.

Todo o sufrimento e cansazo acumulado esvacíanse nese intre. “Esquecéuseme todo ao ver alí a toda a familia, á miña muller aos meus dous fillos… e todo o que tiñan preparado”, destaca. Ademais síntese moi satisfeito do resultado “a etapa saíu moi ben, como esperaba. O meu obxectivo era única e exclusivamente chegar e conseguino”, sinala.

Azael González amósase moi agradecido a todas as persoas que fixeron posible que cumprira o seu reto, ás que cita unha por unha: “a miña nai María Asunción Estévez Estévez, o meu pai Jose Carlos González Gómez, o meu compañeiro Antonio Arce Ruiz, a miña muller Ángela González Blanco, o meu cuñado Alejandro Martínez Díaz, a miña irmá Lucía González Estévez e a miña gran amiga Tatiana Azcona Urtiaga. Todos eles fixeron posible isto”.

Agora Azael descansa e recupera forzas en Galicia, pero xa ten a cabeza un novo reto deportivo que, polo de agora, prefire non desvelar.

Fotos e vídeo cedidos.

Artigos relacionados

Back to top button