A vila acollerá a cuarta edición do Barathón, que comezará ás cinco da tarde na praza do Pilón
Un total de 15 locais de hostalaría teñen confirmada a súa participación no 4º Barathón de Trives, previsto para o xoves 2 de abril. Trátase dunha singular iniciativa coa que se busca amosar o valor cultural destes establecementos na comarca, así como que se valore “o contido histórico dos bares que sobreviven en Trives e para intentar axudar ao comercio local en tempos de crise”, tal e como adiantan dende a organización.

Esta maratón polos bares triveses partirá ás 17h. da praza do Pilón e o obxectivo da nova organización é “batir nesta edición o récord de asistencia do 3º Barathón, no que mais dunha centena de persoas participaron neste evento”.
A inscrición no Barathón é gratuita, pero nel non poden participar menores de idade. Aos participantes entregaráselles un dipolma que deberán ir selando en cada un dos negocios incluídos na ruta. Entre os que completen o Barathón sortearanse varias ceas nos restaurantes de Trives, consumicións, bicas e algunha sorpresa máis.
A organización dispón dunha páxina de facebook onde poder consultar as bases deste evento e resolver calquer dúbida.