
Ata a aldea modelo de Meixide, no concello valdeorrés da Veiga, desprazábase a directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo alcalde deste municipio, Juan Anta. Alí, poñía en valor as ferramentas de mobilización do territorio coas que conta a Consellería do Medio Rural.
“A aldea de Meixide, onde se realizaron traballos de mobilidade de terras, está a pleno rendemento dende o ano 2022 e conta cunha superficie de 76,85 hectáreas, divididas en 646 parcelas de 151 titulares catastrais. Desta superficie, 61,6 hectáreas son traballadas por un gandeiro local, cuxa orientación produtiva é a gandaría de vacún en extensivo de razas autóctonas en ecolóxico”, segundo Medio Rural.
Estes terreos están arrendados a través do Banco de Terras, ferramenta coa que conta a Consellería do Medio Rural para poñer a disposición de todas aquelas persoas interesadas que necesiten terreos para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación de natureza e patrimonio ou outros usos de interese social. Previo a este arrendamento, actuouse en máis de 3 quilómetros de peches e instalacións de manexo e alimentación gandeira, o que supuxo un investimento por parte do Goberno autonómico de 114.359,84 euros.
Ademais da visita a estes terreos, a directora xeral tamén coñeceu o núcleo rural de
Meixide, onde se revisaron os investimentos realizados en servizos básicos locais para mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e así fixar poboación.
A maiores dos polígonos agroforestais e as aldeas modelo, a Lei de recuperación da terra agraria conta con outros instrumentos de mobilización como as agrupacións forestais de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario. Ademais, a estas ferramentas súmanse as reestruturacións e concentracións parcelarias.