EconomíaEconomíaÚltima hora

“Mercado en rural con porco celta”, unha aposta polo consumo desta raza autóctona nas prazas de abastos do Barco, Ourense, Ribadavia e Xinzo

Esta iniciativa, impulsada polo Inorde e pola Asociación de Produtores de Porco Celta (Asoporcel), conta tamén coa colaboración de Cociña Ourense, con demostracións en vivo de elaboracións gastronómicas con este produto cárnico

Presentación do Mercado en Rural co Porco Celta. Na Deputación Ourense participan no acto Rosendo Fernández (Presidente do INORDE), Iván Rodríguez (Director Técnico de ASOPORCEL – Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta), Martín Touceda (Gandeiro de Porto Celta), Lucas Cabanelas (Gandeiro de Porco Celta), Antonio Fernández (tentente de alcalde de Xinzo de Limia) e os representantes de “Cociña Ourense” Marco Verela (Restuante Sábrego – Ribadavai), Alberto Fernández (Restaurante Pallabarro – Allariz), Martín Fernández (Bágora GAstrobar – Ourense) e Samuel Moreno (Restaurante O Campanario – Luintra – Nogueria de Ramuín).

 

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, fomenta a acción titulada “Mercado en rural con porco celta”, prantexada para incentivar o consumo desta raza autóctona nas prazas de abastos de Ourense (31 de marzo), Ribadavia (21 de abril), O Barco de Valdeorras (22 de abril) e Xinzo de Limia (28 de abril), co fin de dar a coñecer este produto cárnico a través de degustacións de coidadas elaboracións, constituíndo así unha experiencia gastronómica única.

Esta iniciativa, que foi presentada hoxe en rolda de prensa, implica tamén á Asociación de Produtores de Porco Celta (Asoporcel), así como a Cociña Ourense, cuxos cociñeiros serán os encargados de realizar esas demostracións en vivo de elaboracións gastronómicas nas catro prazas de abastos participantes.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, sinalou que os obxectivos desta acción serán “conservar e recuperar esta raza autóctona, defender os intereses dos criadores, impulsar estudos para a súa conservación e promocionar e difundir este produto de primeira calidade”. Tamén explicou Rosendo Fernández que desde o Inorde se colabora desde hai anos na conservación desta raza a través da granxa de Armariz.

Agradecementos pola iniciativa

Por parte de Asoporcel, o seu director técnico, Iván Rodríguez, lembrou que son 25 os anos que leva esta asociación traballando na recuperación desta raza, e agradeceu a cooperación da Deputación “por fomentar que se integran os gandeiros nas prazas de abastos coa alta cociña do noso produto”.
Nos mesmos termos se expresou Martín Touceda, gandeiro de porco celta, quen agradeceu “esta oportunidade de transmitir o que facemos diariamente por preservar unha raza 100% galega que aínda está en perigo de extinción” e lembrou que “consumindo porco celta foméntase o emprego no rural combatendo a despoboación”.

 

Lucas Cabanelas, tamén criador, explicou pola súa banda que o tipo de alimentación do porco celta é totalmente diferente á que reciben os animais en granxas convencionais, baseada en vexetais, millo e trigo, “o que conleva unha crianza máis longa e, polo tanto, máis cara, pero con moita maior calidade”.

En nome de Cociña Ourense falou Marco Varela, quen valorou a importancia desta iniciativa “para visibilizar o produto galego e os seus produtores que sustentan un sinal de identidade do noso territorio”, expresando tamén a importancia de que este produto chegue dun xeito directo aos pequenos consumidores.

Por último, o tenente de alcalde de Xinzo e representante da praza de abastos da capital limiá, Antonio Fernández, amosou a súa ilusión “por un evento cultural e gastronómico que potenciará a nosa economía local a través dos mercados de proximidade”, augurando o “éxito” da iniciativa e sinalando que a maridaxe perfecta da carne de porco celta é con “patacas da Limia”.

Fotos cedidas.

Back to top button