Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Merelles pon en valor “a aposta do PP por promover o sector vitivinícola” na visita a unha adega valdeorresa

 

Xosé Manuel Merelles, número 11 da lista do PP por Ourense ás eleccións galegas, visitaba esta mañá as instalacións da Adega Roandi, en Éntoma (O Barco de Valdeorras), para coñecer de primeira man as súas dependencias e o labor que nela se realiza. Antes, atendía aos medios de comunicación e manifestaba o compromiso dos populares “co sector vitivinícola da comarca e, máis concretamente, co fomento da incorporación da xente nova a este ámbito de actividade, co obxecto de garantir o seu futuro”. Neste sentido, anunciou que o PP activará na vindeira lexislatura o denominado bono mozo de inicio de actividade “para que a nosa xuventude estea apoiada ao comezo da súa dedicación á actividade agrogandeira”.

Ademais, Merelles referiuse á posta en marcha na comarca de Valdeorras dun novo ciclo de FP dual relacionado coa viticultura e impulsado dende o Goberno galego, a través da Consellería de Educación, como un exemplo tamén ilustrativo co compromiso de favorecer a incorporación da xente nova ao sector do viño. Un compromiso arredor do cal o PP seguirá traballando na seguinte lexislatura “para incentivar o relevo xeracional na actividade vitivinícola na comarca”. Paralelamente, o candidato popular afirmou que “Valdeorras non se entendería sen o seu legado vinícola: un sector produtivo clave para o desenvolvemento económico da comarca, do que viven moitas familias, e que o PPdeG se compromete a seguir mimando e coidando”.

 

 

Na súa intervención, quixo referirse tamén “ao forte bum que están a experimentar os godellos de Valdeorras, cada vez mellor posicionados e máis demandados en diferentes mercados da Península Ibérica e do estranxeiro”, sen “desmerecer outras referencias brancas e tintas elaboradas con diferentes variedades autóctonas como poden ser a mencía ou a garnacha tintorera”. Promoción “Sabemos que a cultura do viño é moi importante nesta comarca e por iso, impulsaremos todo aquelo que teña que ver coa súa promoción. Favoreceremos a conexión dos viños de Valdeorras coa nosa restauración porque nesta terra temos excelentes produtos, que funcionan extraordinariamente ben como reclamo para a chegada de visitantes á comarca atraídos pola súa rica proposta enogastronómica”, manifestou Merelles.

Xunto a isto, o candidato do PP puxo en valor valor a Estratexia de Dinamización Económica, Territorial e Turística das Comarcas Vitivinícolas que, posta en marcha pola Xunta de Galicia, “está a posicionar a nosa comunidade como referente na produción de viño de calidade e como principal destino enoturístico”, entre outras cuestións.

Finalmente, Merelles indicou que un Goberno autonómico con Alfonso Rueda á cabeza apostará porbque “o noso rural teña todas as oportunidades, polo que poremos en marcha a oficina rural móbil para achegar e complementar os servizos e programas destinados ao eido rural a todos os recunchos de Galicia”.

E destacaba que “somos conscientes das oportunidades que ofrece o noso campo e ademais de continuar con iniciativas de éxito xa implantadas como a ordenación dos usos agroforestais, impulsaremos novos proxectos integrais e colaborativos de desenvolvemento rural”, concluíu.

Artigos relacionados

Back to top button