De magníficos cualifica Xosé Manuel Merelles, número 11 da candidatura do PP pola provincia de Ourense ao Parlamento galego, os resultados obtidos por este partido en Valdeorras e na provincia de Ourense en xeral, onde lograban manter os oito deputados. “En primeiro lugar quero amosar o meu agradecemento a todos os cidadáns que apoiaron ao PP en Valdeorras e felicitarnos polo grande éxito que tivo o PP nos 9 concellos desta comarca e tamén en comarcas limítrofes como Viana do Bolo e Terras de Trives, en todos eses concellos ganou o PP. En termos absolutos conseguimos 400 votos máis en toda a comarca, que non está nada mal, o cal nos di que o PP non tivo un desgaste nin en Valdeorras, nin na provincia, tendo en conta que se presentaban novas forzas poíticas. O PP mantivo os 8 deputados e iso tendo en conta tamén que nalgúns momentos a campaña tomou un cariz como moi duro porque houbo incluso unha concentración arredor do hospital que eu considero política en plena campaña. Estes resultados demostran que a importancia de facer campañas construtivas, sen apelar á confrontación e á pelexa entre forzas políticas, e de ter claro o que se vai facer unha vez ganadas as eleccións”.
Así mesmo, este valdeorrés incide nos resultados obtidos na súa comarca polo PP, onde “practicamente en todos os concellos da comarca e doutras próximas superouse o 50% dos votos, e mesmo nalgún caso chegouse ao 53% dos votos, o cal é un exitazo”. Así mesmo, Merelles valoraba os apoios ao PP no seu concello natal, A Rúa, onde tamén subiu.
Eses resultados totais na provincia demostran, continúa Merelles, que “o PP é un partido forte e que a xente confía moito en nós, o cal é unha grande responsabilidade neste senso. Sairon 8 deputados pola provincia, eu vou de número 11 pero estou seguro de que despois deste compromiso que adquirín con Valdeorras, toda a lista de Ourense e mesmo a do PP en Galicia, todos os deputados van traballar a prol de Valdeorras e a comarca vai ter unha visibilidade moito maior da que tivo ata o de agora”.
Así mesmo, lembraba que durante a campaña foron varios os conselleiros que visitaron a comarca e “que demostraron o seu apoio e compromiso con ela comarca, e mostra diso é o anuncio da Consellería de Infraestruturas sobre a redacción do proxecto da OU-533 entre A Gudiña e Viana, así o pon de manifesto”.
Merelles destacaba ademais o “gran traballo de equipo” realizado durante a campaña “e tamén quero agradecer a todos os alcaldes, concelleiros e membros do PP o seu labor, porque a verdade é que a estratexia que se marcou de facer unha campaña construtiva e un traballo colectivo deu os seus froitos e eu estou especialmente satisfeito e ata emocionado nalgúns momentos por ese apoio do colectivo de persoas que está arredor do PP en Valdeorras e nas comarcas limítrofes”.
Finalmente, Xosé Manuel Merelles comentaba que facendo unha análise dos resultados por concellos nas comarcas de Valdeorras, Viana e Terras de Trives e, comparándoos cos das xerais do 2023, “en trece dos 15 concellos o PP mellorou resultados. Isto pon moito en valor estes resultados tan magníficos, todo son parabéns para todo o mundo que traballou e, sobre todo, ese gran agradecemento aos votantes que confiaron en nós unha vez máis para anclar esta quinta maioría absoluta do PP e estamos seguros de que non os imos defraudar”.