O duro traballo desenvolvido pola plataforma cidadá “Dereito ao Tren” durante dous longos meses con contínuas reunións cos diferentes, colectivos, recollida de sinaturas, promocións,… daba o seu froito na tarde deste caluroso sábado 2 de agosto cunha multitudinaria manifestación que saía da antiga estación de tren da Gudiña e terminaba na nova estación A Gudiña–Porta de Galicia, para “esixir ao Ministerio de Transportes a inmediata reordenación dos horarios ferroviarios, co fin de garantir conexións útiles adaptadas ás necesidades da poboación da zona de influencia da estación”.
Malia o calor e sobre todo a data, en plenas vacacións estivais, eran miles as persoas que acudían á chamada da plataforma presidida polo actor e produtor Rubén Riós para facer presión ante “uns horarios ferroviarios que, a pesar da existencia de liñas de alta velocidade, resultan totalmente inoperativos para a cidadanía. Os trens chegan ou saen a horas que impiden utilizar o servizo para traballar, estudar, acudir a unha cita médica ou realizar xestións básicas, reducindo así a infraestrutura ferroviaria a unha ferramenta inútil para o día a día”.


De feito, a plataforma, que asegura que, pese a contar “cunha estación moderna e estratexicamente situada como é a de Porta de Galicia na Gudiña, os horarios actuais non permiten desprazamentos de ida e volta no mesmo día a cidades clave como Madrid o que obriga ás persoas para depender do coche privado, cos consecuentes custos adicionais, impacto ambiental e unha brecha de mobilidade cada vez maior respecto a outras zonas do Estado”, nacía co obxectivo de canalizar este malestar colectivo, organizando actos informativos e recollendo queixas formais por todas as comarcas da área de influencia da estación e por outros puntos do interior galego. En apenas unhas semanas, xa se reuniron miles de queixas cidadás, que serán entregadas ao Ministerio de Transportes como “mostra inequívoca do rexeitamento social aos horarios actuais”.
Con estas premisas e chegados dende diferentes partes de Galicia (principalmente das zonas de Verín, Viana do Bolo, A Gudiña, Trives e Valdeorras), pero tamén de Sanabria e mesmo Portugal os manifestantes percorrían o tramo entre as dúas estacións ao son do Folión de Buxán que acudía para apoiar as demandas e berrando todo tipo de consignas: “Tres útil xa”, “Ester tren é noso e non dos poderosos”, “Renfe mentiu, o rura resistiu”, “Non aos recortes si ao transporte”, “o rural non morre, quéreno matar” ou “A Gudiña non se pecha”.

Ao final do traxecto, que tamén percorreron numerosos respresentantes políticos, entre eles o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, a senadora nacionalista Carmen da Silva, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, conselleiros, deputados e alcaldes de numerosos concellos, o presidente da plataforma visiblemente emocionado e contento pola resposta daba as grazas a todos os presentes por atender á chamada e demostrar que “sodes valentes”, asegurando que “que sen horarios útiles, o tren é unha infraestrutura morta e iso é símbolo de abandono, algo que non imos permitir” polo que queren “disculpas públicas do presidente de RENFE por tratarnos de perdedores e perdedoras, que nos reciban canto antes porque non merecemos isto”.

Entre aplausos e asegurando que “o amor, non só cando nos namoramos senón polo traballo que facemos e sobre todo pola nosa terra, polo rural onde queremos seguir vivindo, move montañas”, Riós asegurou que “este é o primeiro paso dun longo camiño”.
O alcalde da Gudiña, Néstor Ogando valora moi positivamente a manifestación asegurando que “foi unha pasada, calculo que entre 4 e 5.000 persoas. Un éxito que ogallá sirva para darlle no nariza quen hai quedarlle porque merecemos que nos restablezan o tren e ímolo conseguir”.
Dende a plataforma aseguran que “o vivido hoxe na Gudiña non foi só unha protesta, senón un berro colectivo de dignidade e xustiza territorial. Unha advertencia clara: aquí ninguén se resigna nin se conforma. Se non chegan respostas inmediatas e compromisos firmes, esta mobilización será só o inicio dun camiño imparable”.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.