
A miña nai, de 85 anos de idade e natural da parroquia de San Xulián da Rúa (tamén denominada outrora San Xulián do Monte, e cuxo caserío escapou milagrosamente aos tráxicos incendios do pasado verán), conserva o recordo da súa nenez dun utensilio similar a un tear, e que puido ser unha devanadora para liño, nunha dos cuartos da súa antiga casa. Xunto á castaña e a viña; o liño (Linum usitatissimun) foi un cultivo moi común en Valdeorras ata xa entrado en século XX, e permitinme estudar a súa importancia a través das referencias a este cultivo procedentes dos vellos testamentos familiares.
Hai que dicir que xa en 1691 aparece documentado en San Xulián o topónimo Val dos liñares, moi frecuente noutros puntos de Valdeorras. Entre as respostas do Catastro do Marqués da Enseada, levado a cabo en 1752 en Santo Estevo (da Rúa) e Santa María de Mones, en resposta á cuarta pregunta (tipos de terra), respondíase que había “terras tamén de regadío, que producen liño, e de segundo froito, nabos”. Na 12ª pregunta (cantidade e calidade dos froitos), respondíase que unha tega de terra linar producía oito fas de liño en rama, e que a utilidade de cada feixe de liño en rama era de 4 reais, que se poden comparar coa utilidade que xeraba unha galiña (2 reais) ou un cordeiro (5 reais). Unha tega en superficie, e na comarca de Valdeorras, equivalía a 6 maquilas, ou ben uns 400 metros cadrados, é dicir, catro áreas. Como é lóxico, no Reino de Galicia as medidas tiñan que adaptarse á división minifundista. O feixe de liño en Pardollán chamábase feje, engaladoiro en Xagoaza, ou tamén enriadeiro (1).

Entrando nas hijuelas familiares, avellentadas, con mil dobleces, pero adornadas coa marabillosa caligrafía da época, atopamos na escritura de compra-venda da vivenda familiar, datada en 1945, o denominado como “cuarto do tear”, enlazando realidade e recordo. Camiñando cara atrás nos testamentos, atopamos un “anciño do liño” na hijuela de xaneiro de 1911, valorado en dúas pesetas, e cuxa función non debeu ser outra que separar os feixes de liño antes referidos; na hijuela de xuño de 1894 cítanse “os paus dun tear”, valorados en dez pesetas, aínda que o mellor testemuño áchoo na hijuela do 14 de outubro de 1867, a favor da miña antepasada Liberata Rodríguez. Nela cítase un corpo de bens esenciais, onde se inclúe o gando, as cántaras, caldeiros de cobre, dúas chocolateiras… obxectos do día a día naquela aldea de montaña, máis dependente da gandería que da vide, pero tamén se mencionan unha serie de curiosos aparellos relacionados co cultivo do liño, como unha devandoyra ou devanadora, valorada en dous reais; un cestillo do liño, valorado en dez; unha luria (2) de liño e parte dela en porcas (corenta reais); unha tega e catro maquilas de linaza, a catro reais cada unha; e 140 libras de liño mazado, a real e medio, que facían un total de 210 reais. Aínda que o obxecto máis valorado do prolijo listaxe, non era outro que “un tear con todos os seus arreyos, inclusas tres panos arreyados, en cen reais”. Pode ser este arreyar o verbo equivalente a arrejacar, que significa pasar un anciño pola terra (e no seu caso polos feixes de liño) para romper a costra e alisalo.
É posible que este mesmo tear fose o que aparecía nunha hijuela anterior, de 1848, a favor de Liberata Arias (outra Liberata, que hoxe é nome de discoteca de moda) e que se valoraba en oitenta reais. Unha tradición centenaria en Valdeorras, da que hoxe apenas quedan vestixios, e cuxa memoria pretendemos rescatar.
(1) Castro Voces, Antonio. Valdeorras a mediados del siglo XVIII según el Catastro de Ensenada. I.E.V. 1993
(2) Corda longa e grosa
Texto: Jesús Borro Fernández.