O Concello de Baños de Molgas acollerá o vindeiro martes 17 o Campionato Galego de Contrarreloxo. A presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coa participación do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, o alcalde de Molgas, Xaime Óscar Iglesias, o presidente da Fundación Ado-Moure Pro Deporte, Carlos Moure, e, en representación da Xunta, Manuel Pérez.
A proba deportiva está organizada polo Clube Ciclista Ourensán e a Asociación Ado-Moure. O seu inicio está previsto para as 10:00 horass, na Estación Albergue Turístico Moncho Borrajo, e rematará no polideportivo municipal arredor das 14:00 horas. O percorrido consistirá nun circuíto de 15 km que contará coa participación de máis de 250 corredores, dos que sairán os campións de Galicia da disciplina de contrarreloxo individual.
Dende o concello advirten de que a celebración desta competición obrigará a cortar ao tráfico as estradas do municipio recoñecendo que esta situación dificultará o desenvolvemento diario durante esas catro horas pero, segundo sinalou o propio rexedor, “ao finalizar, darémonos conta de que mereceu a pena e será unha festa para o ciclismo e para o municipio”.
Texto: Sara Fontenla