En portadaÚltima hora

Mostras de repulsa polo asasinato da veciña das Ermidas, na concentración no Bolo no segundo día de loito

O marido da vítima, detido pola Garda Civil como presunto autor do crime, está a disposición xudicial

 

Segundo día de loito oficial no Bolo polo asasinato, a mans do seu marido, da veciña das Ermidas. E diante do Concello coas bandeiras a media hasta, tiña lugar ás 12 horas a concentración en repulsa do crime e como mostra de apoio e solidariedade coa familia da falecida.

Veciños, familiares e respresentantes políticos asistían á concentración na que o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, confirmaba que “dende as 11 horas o detido está a disposición xudicial en Trives”. Agora do que se trata “é de protexer ás vitimas que están en perigo porque este non é un caso illado. Este é tráxico pero os casos de violencia machista son practicamente diarios na provincia de Ourense”, dixo.

 

Miguel A. García, familiar da vítima.

 

Dende a familia da falecida, profundamente consternados desexan que “isto non volva pasar nunca máis”. Con respecto ás especulacións e comentarios sobre a situación do matrimonio, o tenente de alcalde do Bolo e familiar Miguel A. García recoñece que “pasaban cousas que descoñeciamos”, e se puderan volver atrás “non ía pasar isto, pero as malas decisións leváronnos a este fatídico día”, dixo, asegurando estar “moi agradecidos polas mostras de cariño de toda a veciñanza.

Dende a Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense amosan tamén a súa “conmoción e consternación polo asasinato dunha muller de As Ermitas (O Bolo) de 76 anos, presuntamente, a mans da súa parella e que suporía o sétimo neste ano por violencia machista, segundo confirmou a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero”.

 

 

Aseguran que a violencia de xénero, en calquera das súas formas, e os asasinatos machistas “nunca poden ser normalizados nin moito menos silenciados por parte da nosa sociedade”, expresando que “condeamos rotundamente o acontecido en O Bolo”.

Fotos cedidas.

Back to top button