O azul envolve na noite deste 2 de abril a fachada do Concello Vello do Barco para conmemorar o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo 2026. A Asociación de Asperger e Trastornos do Espectro Autista de Valdeorras (ASTEAVAL), que representa e apoia ás familias e persoas autistas da área sanitaria de Valdeorras, promovía nestes días catro grandes iniciativas para tinguir de azul e de compromiso a provincia durante o mes de abril.
A última delas era precisamente un movemento de luz e concienciación para mobilizar á cidadanía nun acto simbólico e moi visual. Era “Valdeorras en Azul” ás 21:30h diante do Concello do Barco.
ASTEAVAL convidaba a toda a veciñanza a acudir con elementos luminosos azuis (pulseiras e globos, entre outros) para participar nunha concentración, na que os membros da entidade, maiores e nenos, daban lectura a un manifesto.
Nel explicábase o obxectivo da asociación: “unir ás persoas con TEA da comarca de Valdeorras e ás súas familias co fin de conseguir recursos e atención para os nenos/as e adultos/as con autismo, nun lugar tan deslocalizado e olvidado como é a nosa comarca. As familias vivimos con sobrecarga, imos á deriva. Os apoios deben estar garantidos dende os primeiros anos e durante toda a vida”.
Ademais, sinalábase que “existe unha falta grave de recursos: non hai centros de día, prazas residenciais ou institucións onde os nosos nenos, unha vez adultos, poidan insertarse no mundo laboral. Necesitamos inversión real, planificación e servizos especializados que respondan á demanda existente”.

As persoas asistentes á concentración incidían en que “sen recursos, non hai futuro. E as persoas con autismo non poden seguir esperando. Non temos servizos da seguridade social: atención temperá, logopedas… Máis apoios e menos barreiras, porque a inclusión empeza por entender e respectar á diversidade”.
Tamén interviñan os máis pequenos para afirmar que “as persoas con autismo estamos aquí. Cada un de nós somos diferentes e necesitamos apoios adaptados”. E amosaban o seu interese por estudar, traballar e “vivir con dignidade. Ter oportunidades reais e desenvolver o noso proxecto de vida”. Ademais pedían visibilidade e comprensión. Finalmente os asistentes coreaban a consigna “menos xuízos e máis comprensión. Valdeorras en azul pola visibilización e a inclusión”.
O acto concluía co agradecemento de ASTEAVAL aos presentes pola participación nesta conmemoración do Día Mundial pola Concienciación sobre o Autismo.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.