EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Mozos gandeiros de Trives, Chandrexa e Manzaneda apostan por organizar unha feira de gando na zona

Piden apoios para poder levar adiante esta iniciativa coa que pretenden amosar á sociedade a actividade gandeira e vender o seu produto

 

Reivindicar o labor dos gandeiros e, ao mesmo tempo, amosar esta actividade e axudar a vender o seu produto. É o obxectivo dun proxecto que une a varios mozos gandeiros dos municipios de Trives, Chandrexa de Queixa e Manzaneda: organizar unha feira de gando bovino nesta zona do Macizo Central Ourensán. “Pensamos que é moi importante celebrar unha feira porque nos permite amosarlle á xente a que se dedicaron os nosos avós e ao que nós seguimos dedicándonos hoxe en día. Ademais é unha iniciativa que nos axudaría a vender o noso produto e incluso a mercar nós mesmos gando, o mesmo que acontece noutras zonas como Montederramo ou no Castro Caldelas”, explican Raúl de Paradaseca (Chandrexa), Carlos de Coba (Trives) e Lorenzo de Casteligo (Chandrexa).

Son conscientes de que organizar un evento deste tipo resulta complexo, por iso piden axuda das administracións e tamén de colectivos profesionais como o dos veterinarios. Nese senso, teñen previsto reunirse cos representantes dos concellos da zona de cara a recabar o seu apoio.

Un primeiro paso neste senso foi a acción que realizaban o pasado 30 de xullo en Cabeza Grande de Manzaneda, coincidindo coa celebración do Certame Celtibérico de Bandas. Así estes mozos reunían nas proximidades do evento a unhas 70 cabezas de gando das que teñen habitualmente na serra en extensivo. “Para poder facelo contactamos co alcalde de Manzaneda e díxonos que si a proposta”, comentan.

 

 

“Isto foi un punto de partida para ver como funcionaba a iniciativa. Este é un terreo comunal dos pobos e nós estámolo aproveitando co noso gando, realizamos unha limpeza da serra”, destacan estes mozos gandeiros, que tamén confesan sentirse abandonados pola administración galega, “por exemplo, pedimos permisos para facer desbroces e que isto estea limpo, e non nolos conceden”.

Tamén destacan a importancia da actividade gandeira nunha zona de montaña como é a comarca das Terras de Trives e cren que organizar unha feira sería o mellor xeito de achegar á sociedade a gandeiría, de amosar o esforzo e o traballo que hai detrás dela, ao mesmo tempo que venden o seu produto. “A nós gustaríanos facer unha feira, tamén con premios,, pero algo diferente a outros sitios, e estamos pensando que unha boa data sería o verán”, adiantan. Por agora son un grupo reducido, pero están abertos a incorporar novos gandeiros ao proxecto “cantos máis sexamos, mellor”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button