Sen categorizar

“Municipio, turismo y sostenibilidad”, un manual para xestores e estudantes

O libro recolle 20 artigos datados entre 1992 e 2013, con temas vencellados á materia do turismo
José A. Fraiz Brea, Ana Villarino, Lucía Ventoso e Francisco Candela

“Municipio, turismo y sostenibilidad”, de Francisco Candela, é un libro recompilatorio no que se recollen 20 artigos datados entre o ano 1992 e o 2013, sobre temas vencellados ao turismo, dirixido a xestores públicos e privados e aos estudantes. O exemplar foi presentado hoxe, 13 de marzo, no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, pola deputada de Termalismo e Turismo, Ana Villarino; o propio autor do libro; o coordinador do Máster en Planificación do Turismo da Universidade de Vigo, José A. Fraiz Brea; e a directora de Andavira Editora, Lucía Ventoso.

O libro está repartido en catro bloques: municipio, financiamento e sostenibilidade; turismo urbano e cultural; turismo de reunións e outros segmentos turísticos; e outros ámbitos territoriais do turismo. En canto ás liñas argumentais, presenta dúas: a sostenibilidade e o protagonismo dos municipios.

En canto ao concepto de “sostenibilidade”, o autor dixo que “vai máis alá do desenvolvemento equilibrado co medio natural, senón que ten outros aspectos sociais e culturais igualmente importantes. Ademais debe ser planificado ao longo prazo de xeito democrático, coa participación de todos os sectores interesados no turismo”. O concepto de sostibilidade está de absoluta actualidade, exemplo disto é o que a Organización Mundial do Turismo declarou no ano 2017 como ano do turismo sustentable para o desenvolvemento e “este libro quere ser unha pequena achega a este chamamento para que as administracións públicas impulsen un turismo sustentable”.

No que respecta ao protagonismo dos municipios, Francisco Candela asegurou que este aparece na década dos 90 e obedece “á necesidade de facer un turismo sustentable e á aparición dun novo e potente segmento turístico que ata entón case non existía, o turismo urbano e cultural”.

Neste senso, a deputada de Termalismo e Turismo, Ana Villarino, recordou a evolución que sufriu o turismo “ao pasar de apostar por un turismo de masas a un turismo sostible, porque pasamos de vender paquetes turísticos a vender experiencias, é dicir, que a xente que vive nese territorio sexa co-partícipe do mesmo e sexamos capaces de transmitilo ás xeracións futuras”.

Nesa mesma liña salientou ou carácter transversal desta actividade “todo o que se faga nun territorio vai afectar de xeito directo ou indirecto ao turismo”, por elo Dende a Deputación “cremos que este libro pode ser unha ferramenta moi importante para os xestores e para aquelas persoas que traballan nesta área”.

Pola súa banda, Lucía Ventoso explicou que Andavira Editora é unha editorial galega, con sede en Santiago de Compostela, de corte técnico e universitario e este libro “nace da necesidade de abrir unha nova liña editorial dedicada ao mundo da formación en turismo por elo, buscamos xente con experiencia nesta materia e dada a traxectoria de Francisco Candela, decidimos que fora o primeiro en iniciar esta colección”.

Finalmente, o coordinador do Máster en Planificación do Turismo da UVigo, destacou a experiencia do autor nos ámbitos da “investigación, a docencia, a xestión e a consultaría”, dixo que o libro encaixa “coa ampla oferta de formación superior en turismo do Campus de Ourense ao servir como punto de partida para elaborar traballos de Fin de Grao ou Máster”. Asemade, salientou que as tres imaxes do libro “evocan a riqueza turística de Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button