ConcellosÚltima hora

Na pasada fin de semana ardían en Galicia 35.500 hectáreas

A esta cifra hai que sumarlle as 12.600 has que xa arderan ata ese momento na comunidade

 

Superficie queimada no incendio de Chaveán (Chandrexa de Queixa)./ Foto cedida.

A Consellería do Medio Rural vén de facer públicas as primeiras estimacións provisionais da superficie queimada no conxunto da comunidade nos incendios que se producían na pasada fin de semana e algún dos cales aínda se controlaban hoxe, como é o caso do de Viana do Bolo. En conxunto son unhas 35.500 hectáreas (has). Se ben a consellería non as clasifica por provincias, seguramente boa parte delas corresponden á provincia de Ourense tendo o conta o gran número de incendios desta zona e tamén a súa magnitude. A esta cifra súmanse ademais as 12.600 ha que arderan ata ese momento no territorio galego.

No comunicado da Consellería de Medio Rural sinálase que a “Xunta traballa intensamente na cuantificación dos danos tanto persoais como ambientais ocasionados pola actividade incendiaria que asolou a nosa Comunidade desde o pasado domingo. Estas primeiras estimacións permitirán determinar que actuacións é preciso adoptar para brindar ás persoas que perderon as súas vivendas habituais todo o apoio necesario e iniciar as tarefas de recuperación e rexeneración do medio natural”.

Tamén se adianta que o Consello da Xunta aprobará mañá un paquete de axudas que “incluirá achegas para reconstruír e recuperar as vivendas habituais, o antes posible, e medidas de asesoramento legal para orientar aos afectados e aos seus familiares cos trámites necesarios”.

 

Fonte: Consellería do Medio Rural.

 

Por outra banda, segundo os últimos datos feitos públicos por Medio Rural, ás 19:30h. de hoxe, na comunidade galega hai 37 incendios controlados, dos cales 19 están na provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button