EconomíaEconomíaÚltima hora

Nace Pymetrans-Alianza, da que forma parte Apetamcor e que contará con 13.000 autorizacións de transporte

Constituíase este sábado en Burgos e xurde da unión das asociacións de transporte de Galicia, Aragón, Navarra e Burgos

 

Este sábado constituíuse Pymetrans-Alianza do Transporte, unha federación nacional de asociacións territoriais de pequenos e medianos empresarios e verdadeiros autónomos do transporte de mercadorías. Pymetrans Alianza nace coa sinerxia da Asociación Empresarial de Transportes Discrecionales de Mercadorías de Aragón (Tradime), a Asociación de Transportistas de Navarra (Tradisna), a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia
(Apetamcor) e a Asociación Burgalesa de Transportistas (Asebutra) para defender os intereses do sector. Na constitución desta nova federación, que tivo lugar en Burgos, estiveron presentes os presidentes das catro federacións territoriais de transportistas.

Os socios fundadores de Pymetrans Alianza acordaron que, nun exercicio de transparencia e de non inmobilismo dos cargos, a Presidencia vai ser rotativa por períodos de dous anos. Para o primeiro período designouse como presidente a José Antonio Moliner, presidente á súa vez de Tradime Aragón.

Obxectivos de Pymetrans – Alianza do Transporte

Pymetrans Alianza, que conta con 13.000 autorizacións de transporte, nace coa vocación de defender a profesión de transportista e, para iso, fixou os seus obxectivos estratéxicos en catro puntos para os próximos anos (2023-2025), que coincide co actual período de Comité Nacional de Transporte de Mercadorías.

O primeiro deles é facilitar o acceso á profesión de transportistas, de maneira que se permita a substitución xeracional, xa que, nestes momentos, “estímase que faltan máis de 50.000 condutores en España e a idade media sobe traumáticamente por encima dos 58 anos”. Ademais, sinalaron que, na actualidade, “para acceder ao moi complexo exame de transportista fai falta, polo menos, o título de Bacharel”.

Outro dos principais obxectivos desta alianza do transporte é “combater a competencia desleal que se xera a través de falsas cooperativas de transportistas e falsos autónomos que traen como consecuencia prácticas dumping na fixación de prezos e fraude á Seguridade Social, substituíndo o Réxime Xeral de cotización polo RETA (Réxime Especial de Traballadores Autónomos)”.

Pymetrans Alianza tamén se fixou como reto “promover o recoñecemento das enfermidades profesionais do sector do transporte e o adianto da idade de xubilación”, así como “impulsar medidas normativas estruturais na representación do sector sen que se produzan duplicidades de representatividade no Comité Nacional do Transporte de Mercadorías”.

 

 

Javier González: “Esta constitución é un fito importante no transporte de mercadorías”

Neste sentido, o presidente de Tradime, José Antonio Moliner, subliñou que “será tamén obxectivo común destas catro asociacións facer fronte aos retos económicos que marcan a actualidade como son o incremento do custo dos carburantes e a enerxía ou o aumento de prezos das materias primas, entre outros. Con Pymetrans Alianza poderemos logralo de forma conxunta e coordinada”.

Actualmente, o transporte de mercadorías por estrada está composto por un elevado número de autónomos e microempresas; por esta razón, “os transportistas autónomos, microempresas e pemes necesitamos vernos representados e, ademais, servirá para facer un chamamento á pequena e media empresa para unirnos e conseguir o obxectivo das nosas reivindicacións que foron esquecidas”, sinala Moliner.

Pola súa banda, o presidente de Tradisna, Peio Perochena, indicou que “as catro asociacións que fundan esta nova federación comparten a similitude de representar dunha forma real ao transportista autónomo e a pequena e mediana empresa. A unión fai a forza e loitaremos, entre outros aspectos, polo recoñecemento das enfermidades profesionais e o acceso a unha xubilación anticipada”.

O presidente da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), o valdeorrés Javier González, manifestou que “esta constitución é un fito importante no transporte de mercadorías. Pymetrans Alianza representará de forma transparente ao noso sector, dado que as súas catro organizacións, de catro comunidades autónomas distintas, teñen longas traxectorias e contan con medios materiais e persoais para axudar e defender aos seus asociados. Isto fai que unidas podamos multiplicar os nosos servizos e ter así a forza necesaria para ser
tidos en conta nas administracións e outras organizacións”.

Finalmente, desde a Asociación Burgalesa de Transportistas (Asebutra), o seu presidente, Eduardo Rilova, aseverou que “a creación desta federación supón unha oportunidade para reclamar os dereitos do sector do transporte, dignificar a nosa profesión e buscar un futuro para as novas xeracións”.

Desde Pymetrans Alianza resaltaron que “esta alianza permitirá unir ao sector e servirá de ferramenta e interlocutor coa Administración e, deste xeito, defender os verdadeiros intereses profesionais do transporte de mercadorías por estrada”.

Artigos relacionados

Back to top button