A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Veciños de Somoza (A Rúa) reclaman que o transporte escolar realice a ruta orixinal dende Vilamartín ata o IES Cosme López

Veñen de recoller preto de 500 sinaturas que apoian esta demanda tralo cambio de percorrido levado a cabo pola empresa

 

A comezos deste mes o deputado nacionalista no Parlamento galego, Secundino Fernández, informaba de que o BNG levaría á Cámara galega dúas iniciativas sobre as deficiencias da liña de transporte escolar entre Vilamartín de Valdeorras e o IES Cosme López da Rúa.

Tres semanas despois a Asociación de Veciños de Somoza (A Rúa), os afectados pola modificación do percorrido oficial, recollían preto de 500 sinaturas de veciños do municipio e contorna, que remitían á Dirección Xeral de Mobilidade, Transporte Público de Galicia e Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, acompañadas por un escrito que presentaban na tarde deste martes 29 de outubro na parada do autobús.

Nel explican que o traxecto realizado pola liña de transporte XG6440601001 Vilamartín de Valdeorras-IES Cosme Rodríguez “non cumpre o percorrido estipulado pola Xunta de Galicia o cal é de ámbito público segundo figura na páxina web de Mobilidade da Xunta”.

 

 

O percorrido inicial, modificado o ano pasado, era Vilamartín de Valdeorras-San Miguel de Outeiro-Valencia do Sil-Somoza-San Roque-A Rúa Camiño Novo-Vilela-IES Cosme López Rodríguez; e na actualidade a empresa concesionaria desta ruta “modificou o percorrido” realizándose nesta orde: Somoza-Vilamartín de Valdeorras-San Miguel de Outeiro-Valencia do Sil-San Roque-A Rúa Camiño Novo- Vilela-IES Cosme López Rodríguez polo cal manifestan o se “desacordo e solicitamos que se realice a ruta orixinal arriba reflectida”.

Aseguran que este cambio supón un incremento de tempo no autobús de 20 minutos por traxecto pasando de percorrer 4,5 a 15 km, ademáis do devandito cambio de Concello. “Dita modificación da ruta establecida produce perxuízo aos cativos e a outros usuarios da liña, non aportando ningún beneficio á seguridade nin á calidade de dito servizo como está recollido no Decreto 443/2001 de 27 de abril sobre condicións de transporte escolar e de menores (Referencia: BOE: A – 201 – 8503) apartado 2”.

En representación das familias afectadas, Conchi Rodríguez asegura que a Xunta “modificou o itinerario, que tampouco se axusta ao solicitado, pero a empresa non o cumpre”.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button