En portadaEntrevistasÚltima hora

Nita Macía: “A cova é un espazo que me emociona e co que teño un estreito vínculo dende nena”

Esta vilamartinesa, que preside o Clúster de Turismo Sostible de Aragón, será a pregoeira da XXVI Festa das Covas de Vilamartín

Nita Macía Losada, pregoeira da XXVI Festa das Covas de Vilamartín./ Cedida.

 

Falar das covas con Nita Macía é falar de emocións. É un lugar co que mantén un vínculo moi emotivo e estreito dende meniña. “O meu pai acudía a diario a ela e a maneira que eu tiña de desfrutar del era acompañándoo. Faleceu sendo eu adolescente, entón recordo a cova como un espazo privado, onde o meu pai me contaba historias e mesmo lembranzas. Era un momento de contos, de complicidade…”, conta esta vilamartinesa que o vindeiro 2 de agosto lerá o pregón da XXVI Festa das Covas de Vilamartín durante a chamada “Pequena”, unha ruta previa pensada para os organizadores. A véspera da Festa das Covas, que organizará un ano máis a Asociación de Coveiros de Vilamartín coa colaboración do Concello.

Nita Macía, presidenta do Clúster de Turismo Sostible de Aragón, séntese absolutamente feliz de ter sido escollida como pregoeira. “É unha auténtica honra que os teus veciños te escollan, este é un dos grandes agasallos que recibo nesta vida”.

Como vilamartinesa ¿que significan para vostede as covas?

Podería dicirse que teño unha dobre relación con ela. Esta festa incorporouse á miña vida cando eu xa non vivía en Vilamartín, pero si que é certo que dende nena tiña un vínculo moi especial coa cova porque era o lugar ao que ía a diario o meu pai, e eu acompábao, entón teño como un vínculo sentimental especial.

É un espazo que me emociona. Por máis que ti vaias a visitala ou que forme parte da túa vida, realmente resulta estremecedor chegar á cova, coa súa temperatura, o son… é un pouco como saír da vida cotiá e meterte nun espazo totalmente diferente. E penso que este tamén é un dos principais atractivos das covas, é algo totalmente inusual.

¿E a Festa das Covas?

É un marabilloso evento que dalgunha maneira está exercendo de pegamento entre esas persoas que, por cuestións diferentes, xa non vivimos en Vilamartín. Constitúe esa forza centrífuga que nos atrae porque estamos todos aí eses días, e creo que a parte de ter ese valor de promotor de patrimonio, pois dende o punto de vista dos vilamartineses supón esa escusa para conectarnos todos nunha xornada co noso pobo e para acudir a esa chamada. Entre unha cousa e outra, xerouse aquí un movemento cunha dimensión moito máis grande do que ao mellor dende pode pensar a xente que vén de troula ou dende o propio atractivo turístico que se crea.

Trátase dunha festa que nos une emocionalmente aos vilamartineses, aos que viven aquí e aos que non estamos, porque todos sabemos que se queremos atoparnos uns cos outros temos que ir á festa das covas. É ese momento de recordo de que foi das novas vidas durante todos estes anos, e estou seguro de que a maioría da xente que non vivimos a diario do pobo, ocórrenos o mesmo.

¿Que supón para vostede ser pregoeira da Festa das Covas?

É un dos grandes agasallos que eu recibo nesta vida. Eu non era consciente de que, pese a levar tempo fóra, aínda son parte desa sociedade, desa veciñanza, por para min supón un motivo de moitísima alegría. Que me escolleran como pregoeira foi unha gran sorpresa e presumo moitísimo delo e máis que vou presumir porque para min isto é un logro e vouno adxuntar ao meu curriculum.

¿Como vai ser o pregón?

Dende logo non se van librar os meus veciños das miñas lembranzas, iso vai ser consubstancial ao meu discurso porque é algo que emocionalmente necesito contarlles. Quero falarlles do meu sentimento con respecto á cova e todo o que ten que ver con ela.

E dende o relacionado coa miña profesión, o turismo, falareilles de pór en valor ese recurso que temos que é único e da importancia de conservalo. Hai que coidalo, debe perdurar, igual que perdurou durante tantas xeracións e que ten que seguir formando parte das futuras e, tal como é, sen transformalo porque o valor que ten é esa esencia e esa particularidade e singularidade.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button