Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

No primeiro mes de inscricións o Quiroga Trail Challenge xa supera os 400 participantes

Foto: Miguel Rúa.

 

O Quiroga Trail Challenge-QTC’ 25, previsto para os días 15 e 16 de febreiro, contará de novo coa axuda de máis de 100 voluntarias e voluntarios, “imprescindibles no seu labor, novos patrocinadores e a implicación total do Concello de Quiroga como co-organizador”, adianta a organización deste evento deportivo que mantén as expectativas de pasadas edicións e que sorprenderá con novas distancias, tanto o sábado coma o domingo.

O sábado, no territorio “Castelo”, os participantes máis expertos e resistentes estrearán a Ultra “Atrium Vitis”, de 83 Kms e 5000 m. de desnivel positivo, na que poderán ascender ao Pico Pía Paxaro, desfrutar das fervenzas máis simbólicas do Xeoparque Montañas do Courel e pasar por aldeas singulares como Paradaseca, Rugando, Outeiro, Vilarbacú, A Seara e Paradapiñol. “Un percorrido duro e equilibrado, onde se mestura o paso por soutos, viñas, ríos e montañas que transmiten toda a esencia do Courel”, din os promotores.

Outra novidade a destacar é “o nacemento dunha nova ultra de 53 kms “Casa de Outeiro”, con 3100 m. de desnivel positivo. Deseñada para aqueles que queren dar o salto da maratón á distancia ultra.
Para os maratonianos manterase o maratón Casa do Estanco, de 42 kms e 2400 m de desnivel positivo, co percorrido da pasada edición en sentido inverso que resultou todo un éxito. Unha boa proba de resistencia mental e física que compendia perfectamente a natureza do Xeoparque cos seus camiños primitivos”, indica a organización.

Por outra banda, continúa o Trail “Fisiosport”, de 29 km e 1100 m de desnivel positivo. Unha distancia intermedia que non ten nada que envexar a outras pola súa tecnicidade; apta soamente para os que gosten da auga e do barro.

E, por último, están as distancias para os que empecen neste deporte: o MiniTrail “Bodegas EDV”, de 17 km e 1100 m de desnivel positivo, e “A Carreiriña Finca Míllara”, de 10 kms e 400 positivos, outra das novidades desta edición, na que tamén poderán estrearse os corredores máis noveles, a partir dos 14 anos.

Para os andaríns dúas opcións tamén: a clásica Andaina “Coureleando”, de 17 kms, ou a Andaina “O Galeirón”, de 10 kms, outra das novas propostas deste ano. Ámbalas dúas comparten os percorridos do minitrail e da carreiriña, respectivamente.

O domingo, xa en territorio “doLor”, os participantes poderán descubrir os recunchos máis recónditos do Courel no trail de 29 km, con 2000 m. positivos; no minitrail de 17 kms, con 1250 m de desnivel positivo, ou estrear tamén a Carreiriña Finca Millara, de 9 kms e 700 m. positivos, a partir dos 14 anos. A opción de andaina repetirase o domingo tamén polo territorio “doLor” coa Andaina “O Galeirón”, de 9 kms e 700 m. positivos, compartindo o percorrido da carreiriña. Os máis ousados, corredores e andaríns, tamén terán a posibilidade de participar en circuíto os dous días.

Desde a organización do evento queren transmitir a súa satisfacción polo éxito acadado no primeiro mes de inscricións, con máis de 400 participantes xa anotados. “Que un 26% dos participantes sexan de fóra de Galicia e que un 24% sexan mulleres son datos, sen dúbida, moi positivos que nos ilusionan e animan para continuar traballando con máis ganas aínda; pero, sobre todo, a maior recompensa é o feito de comprobar que, ano tras ano, contamos cun elevado número de fieis participantes que marcan o QTC como cita fixa nos seus calendarios deportivos”, aseguran Blas Rodríguez e José Manuel Barreiro, directores da proba.

Polo de agora hai vintecatro provincias e once comunidades autónomas representadas, destacando a presencia de Castela e León, Madrid e Canarias. Coas tarefas de desbroce xa iniciadas, informan de que hai percorridos listos xa para adestrar e animan a empezar xa a preparar esta “festa do trail galego”.

Artigos relacionados

Back to top button