Elección galegas 18F - 2024OurenseÚltima hora

Noa Presas comprométese a recuperar a Área Sanitaria de Valdeorras, se goberna o BNG na Xunta

A cabeza de lista da formación pola provincia reuníase esta mañá coa Xunta de Persoal do Hospital de Valdeorras, á que lles presentaba as propostas nacionalistas en materia sanitaria

 

“Comprobamos que a situación do Hospital Comarcal de Valdeorras é un claro exemplo da política de demolición do PP na sanidade pública durante catorce anos, coa eliminación da Área Sanitaria de Valdeorras. No hospital non hai unha política de laboral adecuada e iso quere dicir que hai unha plantilla que moitas veces figura no papel, pero non na realidade como demostran os graves problemas que hai en hematoloxía ou en oftalmoloxía”. Así de rotunda se manifestaba a cabeza de lista por Ourense do BNG nas eleccións galegas do 18F, que esta mañá de 27 de xaneiro mantiña unha reunión coa Xunta de Persoal deste centro sanitario.

No encontro a candidata tamén lles daba traslado das “medidas integrais para reforzar e blindar a sanidade pública” que propón o BNG, entre as que sobresae a recuperación da Área Sanitaria de Valdeorras ante as particularidades e características específicas da comarca co obxectivo de prestar un mellor servizo. “O BNG reverterá a política de demolición que fixo o PP na sanidade pública. Queremos asegurar un servizo sanitario de calidade para toda a cidadanía”, promete Presas, que durante o encontro, a cabeza de lista estivo acompañada polos tamén candidatos, Iago Tabarés, Suso Vilasánchez e Roberto Quiroga.

No seu programa tamén se aposta pola dotación do hospital comarcal de persoal, material e tecnoloxía e especialidades necesarios para garantir unha atención de calidade aos pacientes. Así mesmo, comprométese a desenvolver unha política atractiva para a captación e asentamento de profesionais no interior de Ourense con melloras nas condicións laborais, na formación e investigación.

Neste senso, Presas plantéxalle a cidadanía que neste “18-F xogámonos dous modelos en materia: ou o continuismo con esta política de demolición sanitaria ou abrir un tempo novo cun goberno de cambio liderado polo BNG que se compromete a reforzar os hospitais comarcais e a facer que a atención sanitaria sexa un dereito con independencia de onde viva cadaquén. Para iso é necesaria ademais unha política de persoal que busque atraer profesionais, que os incentive a través de formación e investigación e dunhas condicións laborais adecuada para que así o hospital sexa a referencia para a veciñanza e non simplemente unha unidade de tramitación de traslados a Ourense ou a outro hospital, porque iso é o contrario do que necesita esta parte do noso país”.

 

 

Por outra banda, a cabeza de lista do BNG pola provincia plantexa a “necesidade de ofertar no hospital valdeorrés especialidades que son moi necesarias polas patoloxías da poboación, como todo o que ten que ver con xeriatría ou co neumoloxía e silicose”.

Ademais das condicións de traballo, engade Presas, o BNG promete impulsar a investigación e a formación continua no ámbito sanitario “para manternos á vangarda da medicina. Isto garantirá que os profesionais da saúde en Ourense teñan acceso ás últimas innovacións e poidan brindar unha atención de calidade baseada na evidencia científica”.

Centro de Saúde da Rúa

No decurso da xuntanza tamén se falaba da situación do proxecto de construción do novo Centro de Saúde da Rúa. “É unha das demandas dos propios profesionais do hospital, que son conscientes das deficiencia que hai nos centros de Atención Primaria e aquí dende o BNG insistimos niso. Nós levamos anos levando esta demanda ao Parlamento galego e o PP leva anos pintando nos orzamentos da Xunta unha ilusión que non se corresponde coa realidade. De momento non se destinou un só euro público a construír ese novo Centro de Saúde e o que fai o PP é distraer unha e outra vez para dilatar ese compromiso. Afortundamente agora hai unha alcaldesa do BNG na Rúa que segue negociando ese Centro de Saúde novo e o que precisa este país e un cambio político para que haxa á fronte da presidencia da Xunta unha nacionalista, Ana Pontón, que traballará con criterios de cohesión e de igualdade territorial, alá onde se necesita un servizo hai que prestalo, con independencia da cor política de quen goberna ou deixa de gobernar”.

Artigos relacionados

Back to top button