A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, exercía neste 18 de febreiro o seu dereito a voto ás 10.30h da mañá vivindo unha xornada chea de “ilusión e esperanza”. Presas chama a unha alta participación en Ourense e no resto de Galicia, “cumprindo con este deber democrático, enchendo as urnas de votos” e agradeceu aos milleiros de persoas que fan posible a celebración desta xornada electoral.
Presas confesou que vive a xornada electoral con moita ilusión, “coa esperanza de vivir un día histórico para o noso país” e, por iso, chama a que haxa unha participación “absolutamente masiva en Ourense e no resto” de Galicia. Confía, tamén, en que o conxunto da cidadanía cumpra con este deber democrático e encha as urnas de votos hoxe. “Ter a posibilidade de escoller que goberno galego queremos é unha oportunidade moi grande” apunta a cabeza de lista do BNG.
Por outra parte, Presas agradece aos milleiros de persoas que fan posible a celebración desta xornada de democracia en todas as vilas, parroquias e cidades do País. “Contribúen a que os colexios electorais poidan abrir e que todas e todos poidamos exercer o noso dereito a voto con normalidade”, conclúe.
Fotos cedidas.