Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Noa Presas, número 1 do BNG por Ourense, arranca a campaña electoral no Barco

A candidata nacionalista compremetíase a que, de gobernar, o Hospital de Valdeorras dotarase dunha unidade de neumoloxía e silicose, entre outras medidas

 

A vila do Barco é o escenario que escollía a candida por Ourense do BNG ás eleccións galegas, Noa Presas, para arrancar a campaña electoral do 18F. Esta mañá, ás nove e media, ofrecía unha rolda de prensa na que explicaba que esta non foi “unha elección casual porque O Barco e Valdeorras como comarca exemplifica como ningunha outra na provincia de Ourense a necesidade de que este 18 de febreiro haxa un cambio político nunhas eleccións que son as máis abertas dos últimos 15 anos e que nos dan a oportunidade de ter por primeira vez un goberno liderado polo BNG, un goberno de cambio liderado por Ana Pontón á fronte da presidencia da Xunta de Galiza”.

Noa Presas, que estaba acompañada, entre outros representantes do BNG, polo número 8 da lista, o voceiro municipal desta formación no Barco, Suso Vilasánchez; destacaba que ese goberno de cambio “significaría un paso adiante sen precedentes, porque teríamos un goberno coas mans libres para negociar e acabar coa discriminación de Galicia e coa discriminación de Ourense. Nestas eleccións saímos a por todas e o noso compromiso é facer unha campaña intensa, inzada de actos, de contacto coa cidadanía, porque se hai un PP que non quere debater sobre Ourense diante ten un BNG con propostas de futuro, cun proxecto de país ao servizo tamén da cohesión e do reequilibrio territorial que é fundamental para sitios como Valdeorras”.

 

 

 

Con respecto a esta comarca, a candidata nacionalista incidía en que nela ” temos exemplos 14 anos de demolición de política sanitaria e de 14 anos de abandono do impulso económico das infraestrutura”. E lanzaba como compromiso do BNG “a partir do 18 de febreiro, que en Valdeorras haxa dereitos sanitarios igual que noutras partes do país e que se adapte o modelo sanitario ás súas necesidades. Comprometémonos dende o goberno da Xunta a esa unidade de neumoloxía e silicose no Hospital de Valdeorras e comprometémonos tamén a apostar polo impulso económico desta comarca. Entre outras cuestións haberá unha negociación directa co Estado desde a presidencia da Xunta para que se reparen e se melloren e se cumpran os prazos das infraestruturas pendentes e tamén así mesmo apostaremos tanto polo sector do viño como por sector industrial porque esta provincia e esta parte do país teña un futuro e poidamos a partir do 18 de febreiro construílo entre todos cunha Galiza mellor”.

Xunto a ela, Suso Vilasánchez aseguraba que queremos que a xente se anime e vote. Esta é a única forma de conseguir que este hospital recupere os seus servizos e de conseguir esa ambulancia de soporte vital avanzado e de conseguir revitalizar esta zona. Aquí os montes están baleiros porque baleiras están as ideas na cabeza do PP”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button