Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “Temos que blindar o Hospital de Valdeorras creando condicións atractivas para que os profesionais veñan para aquí”

A cabeza de lista do BNG por Ourense daba esta tarde un mitin no Barco no que destacaba que as eleccións do 18F "son unha oportunidade histórica para Galiza"

 

“É algo que se palpa na rúa, estas eleccións son unha oportunidade histórica para Galiza e para Ourense e esta provincia vai ser unha praza decisiva. E se hai unha parte de Galiza que precisa un cambio, esa é esta provincia, onde tamén hai débedas de décadas e de abandono coa comarca de Valdeorras”, destacaba no Barco, Noa Presas, cabeza lista do BNG por Ourense, nun mitin no que estaba acompañada polo voceiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez; pola alcaldesa da Rúa, María Albert; e pola senadora Carme da Silva.

Era Suso Vilasánchez quen se encargaba de abrir o acto, que se desenvolvía no edificio multiusos da vila, quen incidía na importancia de que os políticos teñan unha historia detrás porque “se pode revisar e referenciar” e eu son un “bo avalista moral de Noa Presas”, aseguraba. Tras el tomaba a palabra a alcaldesa da Rúa, quen facía un repaso polas dificultades de Valdeorras en eidos como o das infraestruturas ou o dos servizos públicos, con expresa referencia á sanidade. “Valdeorras ten moitas demandas que veñen de lonxe e cada vez están máis ancladas. E esta é unha política que ten que rematar a partir do 18 de febreiro, se a xente quere un cambio neste país, hai que votar ese día porque ese cambio vai ser real e posible”.

 

 

Nesa mesma idea incidía a senadora Carme da Silva, “o 18 de febreiro vai ser unha data para facer historia, vai haber un cambio de rumbo total no goberno galego”. Ademais referíase á necesidade de que Valdeorras, como entrada a Galicia, mellore as súas infraestruturas, viarias e ferroviarias, e facía unha referencia expresa á situación que presenta a N-120, “é esencial para esta comarca e non é de recibo o estado no que se atopa”.

Despois dela, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, destacaba que dúas son as opcións nestas eleccións galegas: “continuar con catro anos máis de PP ou un cambio político liderado por Ana Pontón. Xogámonos moito. Este é o momento e nós temos unha alternativa. Por vez primeira imos ter unha presidenta nacionalista coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”.

Entre os proxectos que defende o BNG, Presas avanzaba a creación dunha Axenda Territorial Galega (ATG) para impulsar un plan específico que contribúa ao desenvolvemento social e económico da comarca de Valdeorras. Ademais de comprometerse á restitución da Área Sanitaria de Valdeorras, unha unidade de pneumoloxía e silicose, así como un plan de choque de Atención Primaria.

 

 

“O Partido Popular”, dicía a cabeza de lista, “leva anos póndose de perfil e non escoitando as demandas da veciñanza. De facto, nos Orzamentos da Xunta nunca existe un verdadeiro compromiso coa mellora da OU-533. No BNG non imos pórnos de perfil. Comprometémonos a dotar dos recursos económicos necesarios para mellorar esta vía e construír ese terceiro carril”, indicaba. Por outra parte, Presas comprométese a –desde o goberno galego do BNG- pór en valor a serra da Enciña da Lastra tan esquecida polo Partido Popular e impulsará a rexeneración dos ríos galegos e, no concreto, os da comarca de Valdeorras.

A cabeza de lista aseguraba que unha das primeiras medidas que o goberno do BNG fará en materia sanitaria será a modificación do Decreto que regula as Áreas Sanitarios e os Distritos Sanitarios para recuperar a de Valdeorras: “para que volva ter capacidade de decisión, para que sexa resolutiva e para que teña un orzamento específico que permita garantir unha sanidade pública de primeira”.

E resaltaba que “hai que blindar os dous hospitais comarcais de Ourense e crear unhas condicións atractivas para que os profesionais veñan aquí a facer o seu proxecto de vida”. Tamén poñía sobre a mesa a necesidade de dotar a Valdeorras dunha ambulancia de soporte vital avanzado, “é algo esencial”. Presas concluía asegurando que o BNG ten “as mans libres para negociar por Galiza, para facer ese proxecto de país, temos experiencia e canteira e temos proxecto para un país que está cheo de oportunidades”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button