ConcellosEntroido 2026Última horaVídeosVilariño de Conso

Noite de versos, brindes e confraternidade entre Mormentelos e Castiñeira (Vilariño de Conso)

 

Pese ao forte vento, frío e as nevaradas, había que cumprir coa tradición. Un ano máis, o estreito vínculo que manteñen dende hai moitas décadas Castiñeira e Mormentelos (Vilariño de Conso) renovábanse neste Entroido co tradicional intercambio de visitas. Desta volta era Castiñeira a aldea visitada. Na Faceira era recibido o fulión de Mormentelo, e entre versos pedían o permiso para tocar, que era concedido polos representantes de Castiñeiro.

 

 

Porén, as malas condicións meteorolóxicas impedían a tradicional ronda pola aldea. Aínda así, soaban as esquilas dos Boteiros e escoitábase o atroaiador e engaiolante son do seu fulión: cornas, bombos, aixadas e gadañas. Foi un toque breve, xa que os participantes tiñan que protexerse da neve e do vento no interior dunha nave na que eran agasallados por Castiñeira cun banquete.

 

 

 

Mentres se desfrutaba de embutidos, empanada, tortilla de patacas ou orella, entre outras delicias (como roscón, bica, tarta de queixo ou filloas recheas) elaboradas polas diferentes casas do pobo, intercambiánse saúdos, conversas e íase preparando outra parte esencial deste antigo Entroido: os versos.

Mormentelos viña cargado deles e na súa intervención, que comezaba cun agradecemento a Castiñeira. “Viñemos algo ateridos/ porque está moi frío o tempo/ pero con este viño tan bo/ xa quecemos ao momento./ Xa é o segundo ano/ que non podemos tocar/ pero o tempo é o que manda/ e temos que nos conformar./ Pero iso si,/ o que non nos pode quitar é o Carnaval/ sexa fóra ou dentro/ nós pasámolo ben igual/. Diremos uns versos/ sen intención de ofender/ pero como somos humanos/ todo pode suceder”.

 

 

E, a partir de aí  ninguén quedaba alleo a eses versos, con mencións e referencias  aos diferentes veciños, especialmente no caso dos mozos, en clave satírica e repasando a realidade das aldeas no último ano. Versos recibidos e celebrados entre risas e aplausos polos presentes.

Non faltaba a resposta de Castiñeira, entre os tradicionais brindes que se prolongaban ata a madrugada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Vídeos: O SIL.

Back to top button