“Un día mais vimos encontrarnos nas rúas en apoio ao pobo irmán da Palestina, que loita pola vida e resiste a brutal violencia do imperialismo, da forma que este adquire na rexión, o sionismo, e dos gobernos cómplices da autoproclamada “comunidade internacional” “. Con estas palabras comezaba o comunicado que se lía esta tarde no Barco con motivo dunha nova concentración a favor do pobo palestino, que tiña lugar ás 20h. na praza do Concello.
A esa mesma hora tamén se celebraban concentracións deste tipo noutras 25 localidades galegas. No manifesto da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, que lía Manuel Agra, incidíase na situación en Palestina, que “leva décadas sendo unha ferida aberta na consciencia internacional. O pobo palestino soporta, día tras día, unha agresión desmedida e inhumana”. Condeábanse as prácticas de Israel e criticábase a pasividade da Unión Europea e asegurábase que “debemos esixir que as nosas institucións se posicionen claramente do lado das vítimas”.
Finalmente, facíase “”un chamamento urxente ao pobo galego para se mobilizar nunha grande manifestación nacional o vindeiro 6 de outubro en Compostela.