
Situar a Galicia no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe contemporánea. Este é o obxectivo co que se concibe o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame que nace ao abeiro do Festival Outono Fotográfico, promovido pola Fundación Benito Losada.
A segunda edición do premio presentábase o 18 de xuño no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago,contando coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou o interese da iniciativa para dar novos pasos nas linguaxes artísticas contemporáneas, para explorar olladas novas nesta disciplina e para favorecer o seu achegamento á cidadanía, a través da exposición itinerante do proxecto gañador.
Na rolda de prensa tamén participaron os coordinadores do premio, o valdeorrés Víctor Nieves e Xosé Lois Vázquez, así como o deputado-delegado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro,
O premio está dotado con 16.000 euros, contía que se destinará á produción dunha exposición temporal itinerante coa obra gañadora e á súa publicación nun libro que se distribuirá nas librerías. Ademais, unha selección das fotografías premiadas formará parte tamén do libro do Festival Outono Fotográfico.
O certame conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación de Lugo. Na primeira edición, en 2013, concorreron ao premio máis de 40 proxectos procedentes dun total de 10 países. A obra gañadora foi ‘Posesións para un esquecimento’, do lucense Daniel Díaz Trigo.