ConcellosQuirogaÚltima hora

Novo campo de voluntariado ambiental neste verán en Penafurada (Quiroga)

O vindeiro martes abrirase o prazo para participar nesta iniciativa, que se desenvolverá do 28 de agosto ao 8 de setembro

Imaxe de Penafurada./ Foto: Concello de Quiroga.

 

A Xunta de Galicia volverá ofertar este verán, en colaboración co Concello de Quiroga, un novo campo de voluntariado. Neste programa poden participar as persoas mozas residentes en Galicia de 18 a 30 anos. Nesta ocasión o campo de voluntariado centrarase en Penafurada, “co obxectivo de recuperar este ben patrimonial, un túnel escavado polos romanos para conducir auga a varias minas de ouro, moi presentes na zona”, segundo adianta o Concello de Quiroga. Ademais de facer un desbroce e limpeza por medio de ferramentas adecuadas para crear unha ruta de acceso a este enclave e limpar e sinalizar o entorno.

O Campo de Voluntariado desenvolverase entre o 28 de agosto e o 8 de setembro coa finalidade ademais de “favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria nestes traballos”.
O vindeiro martes 18 de abril ábrese o prazo para que os mozos interesados se inscriban neste campo de traballo voluntario.

Nos últimos anos os participantes nesta actividade da Consellería de Política Social a través de Xuventude e Voluntariado realizaron traballos de acondicionamento nas fervenzas da Pedriña e do Pombar, así como no castro de Penadominga.

Artigos relacionados

Back to top button