Continúan os roubos na vila do Barco. Nesta ocasión era un local de hostalaría da zona antiga da vila o que sufría un roubo nesta madrugada. Eran aproximadamente ás 7h. deste 18 de xaneiro cando entraban no Restaurante San Mauro, pola parte de atrás do mesmo. Saltaban a unha terraza situada na zona posterior do establecemento e accedían ao seu interior rompendo o cristal cunha bombona de butano. Este cristal tiña un considerable grosor e rachaba en pedazos.
No seu interior roubaban unicamente diñeiro da caixa rexistradora, na que só quedaban as moedas de menor valor. O propietario do local xa presentou denuncia dos feitos ante a Garda Civil. Ademais expresaba a súa preocupación e o seu sentimento de impotencia e inseguridade ante un feito como este, tendo en conta así mesmo que hoxe tamén ía ser un día complexo para el, xa que comezan as Xornadas do Botelo e do Cocido Valdeorrés, das que este local forma parte.
Fotos cedidas.