Ourense

O 85% dos turistas que visitaron a capital en Semana Santa o fixeron por primeira vez

Segundo o Concello, o número de visitas á Oficina de Turismo Municipal multiplicouse por dez dende o 2011
Oficina de Turismo de Ourense.

A Semana Santa quedou atrás e hoxe, luns 17 de abril, tocou volver á rutina na meirande parte de España. Coas vacacións xa rematadas, o Concello de Ourense vén de facer compendio de todo o turismo recibido durante estes días festivos. Segundo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, os resultados foron “moi positivos, aínda que queda moito por facer”.

Dende o Concello remarcan que a progresión dos últimos anos “fala por si soa da evolución da cidade como destino turístico de Semana Santa”. Dende o 2011, din fontes consistoriais, cando se rexistraron 176 visitas á Oficina de Turismo, a cifras multiplicáronse por dez.

Segundo os datos achegados pola Oficina de Turismo municipal, no período que vai do 13 ao 16 de abril, o 85% dos visitantes viñan por primeira vez á cidade e o 15% era a súa segunda visita. En canto ao número de noites, o 61% dos enquisados na Oficina de Turismo de Ourense pasaron un só día na cidade; o 17% dous días e o 22% máis de dous días. En canto á procedencia dos turistas, ao redor do 70% viñeron de fóra de Galicia, concretamente de Castela e León, Madrid e Euskadi; o 15% foron galegos, sendo A Coruña a principal provincia emisora de turistas. En canto aos estranxeiros, a Oficina de Turismo rexistrou un 5% dos visitantes, a meirande parte portugueses, brasileiros, franceses, alemáns e británicos.

O rexedor municipal asegurou que dende o sector hoteleiro e hostaleiro “colgouse o cartel de completo en practicamente todos os establecementos” e salientou que o ambiente da cidade “nos principais puntos turísticos, terrazas e espazos públicos, denotou que esta semana santa foi un éxito total”.

 

Artigos relacionados

Back to top button