CulturaEducaciónÚltima hora

O 86% do persoal da comunidade educativa galega está vacinado contra o Covid

Os datos dábanse a coñecer na reunión do Comité Educativo, presidido polo conselleiro Román Rodríguez e na que a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, deu conta do proceso de vacinación

 

estes momentos Galicia ten vacinado contra o Covid-19 ao 86% do persoal da comunidade educativa (entre docentes e persoal non docente ), tal e como se informaba hoxe ao Comité Educativo, nunha xuntanza presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que estivo acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, encargada de dar conta do proceso de vacinación.

Segundo os datos oficiais da Consellería de Sanidade, actualmente recibiron a primeira dose máis de 39.000 docentes (o 84% do total) e outros preto de 4.300 traballadores non docentes que traballan nos centros educativos (un 88% do total), sen que se detectara ningunha reacción adversa grave nin neste colectivo nin no conxunto da poboación de Galicia, como explicou Carmen Durán. En todo caso, a porcentaxe que resta por vacinar “non se debe a causas organizativas do Goberno autonómico, xa que Xunta está executando a administración de vacinas coa máxima celeridade en función da dispoñibilidade de doses e das indicacións do Estado”, indicaban.

A directora xeral de Saúde Pública subliñou que, en cumprimento das normas de vacinación establecidas polo Ministerio de Sanidade, agora a pauta de vacinación establécese por idade e non por colectivos, polo que o persoal dos centros educativos seguirá esa orde de prelación marcada polo Goberno central. En todo caso insistiu en lanzar unha mensaxe de tranquilidade xa que “o 100% da poboación vai recibir a vacina”.

 

Un dos momentos da reunión, presidida polo conselleiro de Educación.

 

Fondos do Plan de Resiliencia

Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, centrouse en dar conta ao Comité Educativo das últimas accións do seu departamento relacionadas co eido académico.

En concreto informou dos Fondos de Cooperación Territorial que lle corresponden a Galicia ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para o desenvolvemento de proxectos de carácter educativo. Segundo explicou o conselleiro, a Xunta está a espera de que o Goberno central concrete as datas e tamén os criterios específicos de reparto dese fondo con fin de poder implementar accións específicas.

En todo caso, o fondo vai estar dirixido a tres eixos de actuación entre os que destaca o impulso da dixitalización, que permitirá continuar coa dotación de dispositivos móbiles e conectividade nas aulas, a extensión de aulas dixitais interactivas e accións de formación e mellora das competencias dixitais. O segundo dos eixos é o impulso da Formación Profesional e a terceira liña está centrada na modernización e a equidade.

OPE

Outros temas abordados na xuntanza foron a apertura do procedemento de Oferta de Emprego Público (OPE) de Educación da convocatoria de 2021 que se executará en 2022, así como a organización das probas das 3.600 prazas da convocatoria do ano 2020 que se realizarán entre xuño e xullo, coa duplicación de tribunais e a descentralización de sedes para a máxima seguridade dos convocados; a implantación de másteres de FP, a ampliación do E-Dixgal, o cambio no calendario escolar ou a renovación dos equipos directivos dos centros, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button