ConcellosManzanedaÚltima hora

O alcalde de Manzaneda recibe a visita do delegado da Xunta en Ourense

No encontro Manuel Pardo informáballe de que os concellos xa poden solicitar as axudas para as Festas de Interse Turístico de Galicia, como é o caso do Entroido deste municipio

 

Ata o concello de Manzaneda desprazábase esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Neste municipio, cun Entroido tradicional cuxos referentes son o fulión e as Mázcaras, reuníase co seu alcalde, Pedro Yáñez, para informarlle de que dende hoxe está aberto o prazo para que os concellos soliciten as axudas para o apoio, a promoción e a difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, convocadas por Turismo de Galicia. Nesta liña, sinalou que no caso concreto desta festividade resultou beneficiaria na convocatoria do ano pasado das cunha achega de 4.000 euros de Turismo de Galicia.

O delegado territorial salientou que na provincia de Ourense foron beneficiarias 19 festividades, ás que Turismo de Galicia destinou 76.000 euros co gallo de seguir a impulsar un turismo auténtico e sostible e ao mesmo tempo sexa un factor de crecemento da economía que aposte polo equilibrio territorial e loite contra o despoboamento. Nesta liña, indicou que, ademais de Manzaneda, tamén foron beneficiados os concellos de Laza, Oímbra, A Arnoia, Bande, Celanova, Muíños, O Barco de Valdeorras, O Riós, Vilariño de Conso, Monterrei, Rairiz de Veiga, O Castro de Caldelas, Ribadavia, Leiro, Maceda, Viana do Bolo, Allariz e A Pobra de Trives.

Manuel Pardo explicou que estas axudas son de concorrencia non competitiva polo que se aceptarán as solicitudes por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Os interesados poden formalizar a súa solicitude a partir de hoxe, dende ás 12.00 horas ata o 19 de xuño ás 20.00 h, ou ata o esgotamento do crédito (500.000 €). Poderán ser beneficiarios os concellos galegos nos que se celebren durante este ano 2026 festas de interese turístico de Galicia, e só se poderá conceder unha axuda por concello.

O representante do Goberno galego recalcou, que a través desta orde preténdese favorecer o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico; a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial; e a desestacionalización e diversificación do modelo turístico impulsado pola Xunta de Galicia na súa Estratexia de Turismo de Galicia 2030.

 

 

Importe das axudas e actuacións subvencionables

As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 4.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os gastos non acaden os 4.000 euros, a contía da axuda será, como máximo, o importe destes.

Con esta convocatoria búscase potenciar as festas co recoñecemento de interese turístico de Galicia e contribuír a parte dos investimentos directamente vinculados a elas. Así, sufráganse, entre outros, gastos vinculados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, carteleira, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas. No caso de celebracións de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

Entroidos do Oriente Ourensán

A declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para os Entroidos do Oriente Ourensán, como se denominou á candidatura conxunta, oficializouse a comezos do mes de xullo do 2025. Previamente, os carnavais acadaran a consideración de Interese de Turístico de Galicia: Viana do Bolo en 1999, Manzaneda en 2008 e Vilariño de Conso no ano 2016.

O Entroido é unha das festas grandes na provincia de Ourense, que goza desde marzo do ano pasado da distinción de Ben de Interese Cultural ao ser recoñecido como unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais dos do Oriente Ourensán, o de Verín conta tamén coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, mentres que o de Xinzo de Limia é desde 2019 Festa de Interese Turístico Internacional.

Back to top button