
A reforma do entorno da alameda de Covadonga, en Ourense, xa está un pouco máis preto tras a firma do convenio de colaboración que realizou esta mañá o alcalde, Jesús Vázquez, mais a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato. A actuación enmárcase no Plan Hurbe do goberno autonómico e contará cun presuposto de 260.000 euros.
A iniciativa permitirá a rehabilitación da praza e da alameda de Covadonga. Na alameda completarase a zona de xogos infantís con novas unidades e crearase unha nova área para elementos biosaludables. Na praza instalarase unha nova rede eléctrica, soterraranse as canalizacións aéreas das redes de distribución, colocarase un novo alumeado e melloraranse os viarios do perímetro da praza a través dun novo asfaltado.