ConcellosQuiroga

O alcalde de Quiroga despídese da Corporación municipal no derradeiro pleno desta lexislatura

 

A Corporación municipal de Quiroga celebraba onte a última sesión plenaria desta lexislatura na que se realizou o sorteo das mesas electorais para as elección locais que terán lugar o 28 de maio. Por tratarse da derradeira sesión plenaria da lexislatura, o alcalde, Julio Álvarez, que xa non se presenta aos próximos comicios, aproveitou para despedirse dos membros do pleno tendo un detalle con eles. Agradeceu “a todas as corporacións que o acompañaron durante todos estes anos ao fronte da alcaldía o traballo feito, sobre todo estes últimos catro anos que foron correctísimos, cunha oposición que soubo estar á altura das circunstancias facendo un mandato honesto e leal desde o punto de vista democrático”.

A todos eles atribuíu os acertos das xestións feitas, “aos cidadáns, aos traballadores e aos membros da corporación -independentemente do partido político que representan- posto que foi traballo de todos eles; e si houbo fracasos “asúmoos todos eu con toda a consideración”.

 

 

Julio Álvarez non quixo perder a oportunidade de desexarlles sorte aos concelleiros que se presentan para as vindeiras eleccións e felicitar aos que gañen, reiterando unha vez máis que esta corporación foi “unha referencia de como se debe xogar en política, mantendo cada un o respecto e a consideración cara os demais membros da mesma”.

A sesión rematou coa entrega que o alcalde lles fixo dun pergamiño como recoñecemento aos anos que cada concelleiro dedicou a esta corporación e unha insignia de prata do Concello de Quiroga. Entre os concelleiros tamén se atopaban Andrés Novoa e Luis Manuel Arias, últimos en deixar esta corporación. O secretario en funcións foi o encargado de entregarlle tamén un pergamiño, en recoñecemento por todos estes anos dedicado ao Concello de Quiroga, a Julio Álvarez.

Artigos relacionados

Back to top button