ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O alcalde de Río, entre os 100 líderes máis innovadores do mundo iberoamericano

Así o sinala o Ranking Top100 Líderes Innovadores 2025, promovido pola Rede Business Market en colaboración coa Asociación Internacional de Startups e medios de comunicación latinoamericanos

 

O alcalde de San Xoán de Río e deputado provincial, Xosé Miguel Pérez Blecua, vén de ser recoñecido como un dos 100 líderes máis innovadores do mundo iberoamericano segundo o Ranking Top100 Líderes Innovadores 2025, promovido pola Rede Business Market en colaboración coa Asociación Internacional de Startups e medios de comunicación latinoamericanos.

Este recoñecemento, froito dun rigoroso proceso de selección no que se avalían as propostas dos diferentes membros da organización, seleccionando a aqueles que impulsan de forma especial as startups, sitúao entre os máis destacados impulsores do cambio no ámbito iberoamericano.

O galardón, concedido na categoría de Impacto Social e Emprendemento, premia o seu labor como referente na innovación rural, o desenvolvemento sostible e a atracción de talento novo ao medio rural. A organización salienta especialmente o seu papel como impulsor da primeira “Startup Village” de España, unha iniciativa pioneira situada no Val de Navea (San Xoán de Río e A Pobra de Trives) que aposta polo emprendemento rural de baixo impacto, a innovación inclusiva e a creación de oportunidades para a mocidade.

Ademais, recoñécese a súa implicación na New European Bauhaus, integrando criterios de sostibilidade, inclusión e beleza na revitalización do rural galego, e a súa participación activa en redes europeas de cooperación como Rural EU, centradas no emprendemento xuvenil, a economía social e a innovación territorial.

 

O alcalde de San Xoán de Río e novo deputado provincial, Xosé Miguel Pérez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Este recoñecemento non é só persoal, senón colectivo”, sinalou Pérez Blecua, quen o recibiu con sorpresa e orgullo , para quen supón unha forma de “poñer en valor todo o traballo que estamos facendo desde o rural”. Demóstrase así que os pequenos concellos tamén poden ser laboratorios de futuro, “con capacidade de transformar realidades e atraer proxectos de vida e innovación”, sinalou oa rexedor, quen tamén lidera na Deputación de Ourense as áreas de Novas Tecnoloxías, Reto Demográfico e Dinamización Rural.

O premio será entregado nunha gala internacional que se celebrará o vindeiro mes de setembro na cidade de Guayaquil (Ecuador), onde se reunirán os outros 99 líderes distinguidos nesta edición, procedentes de máis de 12 países.

Con este recoñecemento, San Xoán de Río consolídase como un exemplo de transformación positiva e innovación dende o local, reforzando o seu papel como referente internacional na loita contra o despoboamento e na construción dun rural vivo, sostible e con futuro.

Back to top button