OurenseÚltima hora

O ano hidrolóxico 2025/26 na conca do Miño-Sil remata cos encoros ao 58,34% da súa capacidade, un 3,15% por riba da media histórica

No relativo aos caudais circulantes atópanse un 33,2% por baixo da media histórica, segundo os datos que vén de facer públicos a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

Encoro de Prada (A Veiga)./ Foto: A.R.

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, (CHMS) Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, fai balance do ano hidrolóxico 2025-2026 que termina cos encoros ao 58,34% da súa capacidade, o que supón un 3,15% por encima da media histórica. Desde o 1 de outubro de 2025, a precipitación acumulada anual media de 1.230 l/m² supón un 7,4% por riba da media histórica de referencia, serie 1980/81 – 2017/18 que presenta un valor media de 1.144,8 l/m².

“O ano hidrolóxico 2025/26 caracterízase como “húmido” ao situarse o rexistro anual en 1.230,0 l/m²; aínda que, poden diferenciarse dous períodos, un húmido, entre novembro e febreiro, destacando sobre todo febreiro polo valor máximo histórico alcanzado; e outro de escasas choivas, entre marzo e setembro, de carácter seco ou moi seco”, en palabras de José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.

A característica anual por sistemas é a seguinte: concas do Sil Inferior e Miño Alto, “normal”; “húmido” nas concas do Cabe, Sil Superior e Miño Baixo; e “moi húmido” na conca do Limia.

Encoros

Os encoros ao peche do ano hidrolóxico atópanse ao 58,34% da súa capacidade máxima; este volume é un 8,82% menor que a cantidade de auga encorada hai un ano, 67,16%, e un 3,15% maior que a enchida media histórica nestas datas, 55,18%, segundo os datos do organismo de conca.

Caudais e achegas

No relativo aos caudais circulantes atópanse, ao peche, un 33,2% por baixo da media histórica; no ano hidrolóxico anterior, 4,8% por baixo da media histórica; e os niveis piezométricos nas nosas augas subterráneas, atópanse un 5,9% por baixo da media.

 

Río Sil ao seu paso polo Barco./ Foto: A.R.

 

“Como resumo global hai que indicar que, a pesar de que a precipitación acumulada anual foi superior á media histórica, o feito de que se concentrase nos meses iniciais do ano hidrolóxico, sumado a que desde marzo as precipitacións foron escasas, motiva que tanto os niveis piezométricos como os caudais circulantes atópense en valores inferiores á media histórica para esta época do ano”, conclúe o presidente da confederación.

Back to top button