Primeiro foi un proxecto de investigación dos escolares de 1º do CEIP Condesa Fenosa do Barco, enmarcado no programa PITEAS, sobre o mar e a súa realidade, tanto natural, de fauna e flora, como tamén da súa relación co home. E no decurso deste traballo, que supuxo tamén unha viaxe ao Grove, descubrían o grave problema que está a danar os ecostistemas mariños: a contaminación e os plásticos.
A partir de aí nacía a idea de concieciar desta problemática medioambiental á sociedade e, para iso, decidían recurrir ao teatro. Así nacía a obra “O arao Arquímedes”, “unha ave en perigo de extinción (que en España só vive en Galicia), á que un día se lle quedou enganchado no peteiro o aro dunha botella”, explican dende o CEIP Condesa Fenosa.
Esta obra foi creada e interpretada polos nenos de 1ºA e 1ºB deste centro, “cun marcado carácter didáctico e unha clara mensaxe Axúdanos a coidar o noso mar“, destacan dende o colexio.
A peza teatral estreábana os escolares ante os seus compañeiros no salón de actos do centro na mañá do 17 de xuño. Sobre o escenario aparecían multitude de personaxes, diversos peixes, nécoras, e, por suposto, o arao Arquímedes.
A función volverá representarse, desta volta para as familias do alumnado do centro, o vindeiro mércores 19 de xuño.
Fotos: CEIP Condesa Fenosa.